mércores, 25 de novembro de 2015

Xornadas na Galleira: de que falamos cando falamos de xentrificación?

Os vindeiros días 4 e 5 de decembro terá lugar no centro social A Galleira de Ourense a interesante xornada titulada ''de que falamos cando falamos de xentrificación?''. Ademais de introducirmos nos conceptos de xentrificación, cidade liberal e cidade marca tan presentes na especulación das nosas cidades e dos nosos barrios, partillaremos entre todas diferentes experiencias para identificar estes procesos na cidade de Ourense. Para isto haberá palestras, proxeccións, debates e un roteiro pola zona vella guiado pola asociación A Bela Auria. Velaquí vai a programación completa e o cartaz do evento:

Venres 4 de decembro

19:00h Presentación das xornadas co colectivo Xentrificación Vigo
19:30h Proxección de documentais do colectivo Left Hand Rotation
              - Ficción inmobiliaria (21' 39'')
              - Luz (24' 37'')
20:30h Palestra Xentrificación Vigo: introdución ao concepto de cidade neoliberal, cidade marca e xentrificación.

Sábado 5 de decembro

11:00h Roteiro Guiado: Hai xentrificación na zona histórica? (coa Bela Auria)
13:30h Vermú na zona histórica. Praza do Sol.




Agardámosvos na Galleira (Praza San Cosme, Ou) os días 4 e 5 de decembro!
Até xa!

domingo, 27 de setembro de 2015

Libro: "El mercado contra la ciudad. ‪Globalización‬, gentrificación‬ y políticas urbanas‬"

Compartillamos o libro "El mercado contra la ciudad. ‪Globalización‬, gentrificación‬ y políticas urbanas‬", editado por Tranficantes de Sueños, onde se contextualiza os procesos e políticas de rehabilitación e tranformación dos barrios desde unha perspectiva neoliberal e globalizada. Pódese decarregar o libro de balde desde a páxina de Traficantes de Sueños, ou ben mercalo ou facer un donativo.


Ligazón ao pdf do libro: http://traficantes.net/sites/default/files/pdfs/map41_gentrificacion_web.pdf

"De Tahrir a Sol, de Sintagma a Liberty Park, de México a Brasil, nos últimos anos cidades de todo o planeta foron testemuña de revoltas, acampadas e mobilizacións. Estes actos son a expresión dun rexeitamento a que a vida sexa transformada nunha mercadoría intercambiable no Mercado. Xa sexa desde as prazas máis emblemáticas ou desde as periferias sistemáticas abandonadas, as recentes irrupcións sociais e políticas semellan querer demostrar que a revolución do século XXI será urbana ou non será. 

Neste volume reúnense algúns dos traballos clásicos dos estudos urbanos críticos (Tom Slater, Loïc Waquant, Harvey Molotch, Neil Brenner, Jaime Peck, Neil Smith, entre outros). O seu foco de interese é duplo. Dunha parte, recóllense algunhas contribucións esenciais sobre os procesos de xentrificación e coma esta comprendeuse desde o ámbito académicos. Doutra, estes análises enmárcanse dentro do contexto máis amplo da globalización e do tipo de urbanismo que lle vén asociado. O resultado é un volume que trata de servir á compresión do territorio urbano como espazo de conflito nun mundo que, semella, volveuse a axitar. 

Entre os autores incluídos neste volume, atópanse algúns dos mellores expoñentes dos recentes estudos urbanos críticos: Neil Brenner e Nik Theodore, sociólogo o primeiro e urbanista o segundo; Harvey Molotche John Logan, autores do libro da cidade como «máquina de crecemento»; Rosalyn Deutsche, historiadora e crítica de arte da Universidade de Columbia; Jamie Peck, un dos xeógrafos urbanos máis relevantes a día de hoxe; Tom Slater tamén xeógrafo da Universidade de Edimburgo; Neil Smith, seica o principal teórico sobre a xentrificación e o coñecido antropólogo Loïc Wacquant."

[Jornal Mapa] Xentrificación na Zona Vella de Vigo?


Vigo é a cidade máis grande de Galicia, onde a actividade industrial continúa a ser o principal sector económico, aínda que se lle está a dar un importante pulo ao turismo e o comercio. O territorio municipal, bañado ao norte polo Atlántico, estrutúrase en tres grandes coroas. A máis externa, formada polas parroquias máis rurais, unha de transición e unha central formada polos barrios máis urbanos e que concentran a maioría da poboación. Nesta coroa máis interna atópase a zona vella da cidade, que corresponde, aproximadamente, ao núcleo preexistente que quedou rodeado polas murallas construídas a mediados do s. XVII para defender a cidade dos saqueos e que foron derrubadas apenas dous séculos despois.

A comezos do s. XX redactáronse diferentes plans, non executados, para a remodelación (baixo o principio de tabula rasa) e “hixenización” desta zona vella, unha idea presente aínda nos plans urbanísticos de comezos dos 70’. Porén, xa na década seguinte e nos 90’ apareceron novos plans cunha suposta visión máis respectuosa coas caracterísiticas sociais, históricas, arquitectónicas e urbanas e unha maior apertura á participación veciñal. Porén, na realidade, aínda que mediante o plan URBAN europeo se fixeron algunhas intervencións de caracter social, os plans de rehabilitación centráronse en urbanizar rúas e recuperar algún edificio destacado, deixando de lado as esixencias veciñais de axudas para a rehabilitación interior de vivendas, creación de equipamentos e intervencións para solucionar os problemas de infravivenda, paro e pobreza presentes no barrio.

Uns anos despois, no 2005, créase o Consorcio do Casco Vello. Este organismo, formado pola Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia (nun 90%) e o Concello de Vigo (nun 10%) ten como principal finalidade “servir de motor no proceso de rehabilitación integral do centro histórico da cidade viguesa”. Na práctica porén, esa rehabilitación”integral” limítase, basicamente, a mercar ou expropiar inmobles, rehabilitalos e devolvelos ao mercado en réxime de aluguer ou de compra e crear as condicións necesarias para facer do barrio un lugar máis atractivo para un novo tipo de habitantes, para o investimento privado e para o turismo. Xa non aparece o interese no social nin sequera na propaganda.

Se nos fixamos nos datos, o Consorcio ten mercado na zona vella de Vigo 70 inmobles, dos que, polo de agora, 40 foron rehabilitados para uso habitacional e comercial e outros 10 transmitidos a outras institucións. En canto ao primeiro uso, isto traduciuse na creación de 91 vivendas, das que 3 ou 4 se reservaron para realoxos, mentres 74 foron destinadas á venda (con prezos entre 67.000 e 109.000€ para pisos cunha única habitación e un máximo de 68m2) e o resto (apenas unha ducia) para aluguer. Un aluguer supostamente “social”, pero reservado só a xente nova (menores de 35 anos) e cun certo nivel de ingresos fixos, condicións a día de hoxe nada fáciles de cumprir (Galiza ten una taxa de paro xuvenil superior ao 21%, máis do dobre da media europea). Hai que ter en conta, ademais, que a intervención do Consorcio fixo que tan só tres anos despois da súa creación, os alugueres e o valor do prezo das vivendas, no conxunto da zona vella, aumentasen un 150%.

Pero non só a través do acceso á vivenda se selcciona o novo tipo de habitantes desexados para esta nova zona vella. Tamén as actividades comerciais que poden acceder aos locais rehabilitados para esta fin (uns 20 polo de agora) son directamente escollidas polo Consorcio. Polo de agora, tendas de roupa “punk”, tendas de fotografía, estudos de arquitectura, tendas de produtos ecolóxicos e locais de hostalería.

Finalmente, os edificios destinados a outras institucións foron ocupados polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, a Oficina de Notificación de Embargos da Xunta de Galicia e o Museo de Fotografía do Concello de Vigo.

O escenario é, polo tanto, o dunha zona histórica degradada ao longo do tempo: o desenvolvemento industrial de mediados do s.XX, que atraeu ademais gran cantidade de poboación migrada doutras zonas de Galicia, que foi necesario reubicar mudando a distribución poboacional no municipio, xunto ao forte desenvolvemento urbano, foron alonxando o centro funcional da cidade do que era a antiga zona amurallada. Aquelas persoas que podían permitirse o gasto deixaron o barrio vello, onde o acceso con vehículos era compliado ou imposible, non existía transporte público, as vivendas eran antigas, en moitos casos pequenas e os equipamentos case nulos, para mudarse a lugares onde, a priori, disfrutarían de maiores comodidades. O abandono por parte do concello desta zona e a degradación das vivendas pola por falta de recursos dos propietarios nalgúns casos, e noutros por unha visión especuladora que buscaba a declaración de ruína, retroalimentou este exilio silencioso. Deste xeito, o barrio quedou envellecido e empobrecido, con núcleos de prostitución de burdel e, a partir dos anos 90, de consumo e venta de drogas.

Neste contexto de abandono, mitigado lixeiramente polos plans de rehabilitación de finais dos 90, entra en escena o Consorcio. Coa súa actuación, favorece a entrada de novos habitantes (xóvenes e de certo poder adquisitivo), novos negocios cunha clara orientación a un determinado público e ao turismo, e instalación de infraestruturas culturais e administrtivas. Todo isto cuberto por unha forte campaña publicitaria.

Pero por se estas actuacións non implicaban unha substitución da antiga poboación “marxinal” o suficientemente rápida, acompáñanse da expulsión directa das prostitutas mercando e pechando os burdeis onde exercían, da poboación xitana tamén mediante a compra e peche das vivendas que ocupaban e de toxicómanos e persoas sen fogar eliminando o centro de asistencia do que dispuñan no barrio e impondo unha forte presenza policial.

Como vemos, temos ante nós o proceso de abandono-revalorización-expulsión-substitución (por unha nova poboación de maior poder adquisitivo) que caracteriza os fenómenos de xentrificación (neste caso mediado por institucións públicas), que ata o de agora nos parecían exclusivos de grandes cidades máis ou menos lonxanas como Barcelona, Bilbo ou Lisboa e que, desgrazadamente, polo de agora, non teñen que enfrontar unha oposición veciñal global que vaia máis aló da crítica a certas actuacións.

Praza da Princesa, Vigo
[1] Este termo foi creado pola socióloga Ruth Glass para definir o proceso de expulsión da poboación pobre de certos lugares de Londres pola creación de guetos de clase alta. Dende os anos 80 tense dado dentro da academia un vivo debate arredor deste concepto; cales son as súas orixes, axentes implicados, diferentes tipoloxías, etc. Pero foi sobre todo dende principios do século XXI, no noso entorno máis próximo, cando os movementos sociais comezaron a integralo no seu discurso, co obxectivo de analizar e denunciar un proceso que estaba observando xa de xeito directo.

Artigo orixinal no Jornal Mapa ==> http://www.jornalmapa.pt/2015/07/20/xentrificacion-na-zona-vella-de-vigo/

mércores, 8 de xullo de 2015

Xentrificación Vigo no Jornal Mapa

Xa está a venda a 10ª edición do Jornal Mapa, onde ademais de atopar artigos moi moi interesantes de información crítica, publícase un pequeno texto sobre o proceso de ‪‎xentrificación‬ en Vigo. Tamén podes botarlle un ollo á sección de Cidade, habitação e resistencia, unha compilación de artigos sobre o dereito a vivenda e xentrificación en diversas cidades de Portugal e da Europa. Ademais no  número 2 publícase un caderno titulado "Cidades: reabilitar e renovar... para quem?" cunha visión sobre diferentes procesos especulativos  nas cidades de Porto, Rio de Janeiro, Coimbra e Lisboa.

Máis que obrigadxs pola colaboración amigxs do Jornal Mapa.

e avante a loita polo dereito á cidade!!!

PD/ Se estades en Vigo e queredes conseguir un exemplar podedes poñervos en contacto coa distribuidora Lapsus. Para máis pontos de distribución na Galiza o mellor é poñerse en contacto cxs amigxs do Jornal Mapa.

domingo, 28 de xuño de 2015

Xentrificación "gayfriendly": compilación de ligazóns

Estes días o barrio vello de Vigo tinguiuse de protesta coas cores do arco da vella grazas ás compas da Asociación Nós Mesmas. Por iso, co gallo do 28 de xuño queremos compartillar unha serie de ligazóns sobre procesos de xentrificación e comercialización de barrios realizados a través da venda directa de identidades sexuais LGTBI como un produto máis. Estas medidas ocasionan a revalorización directa de barrios coa participación de lobbis empresariais, á vez que actúan políticas activas por parte das institucións que impulsan medidas de marketing urbano "gayfriendly". O obxectivo é claro: atraer turismo e "dinamizar comercialmente" barrios degradados cun modelo de negocio moi determinado baseado no capitalismo rosa. Castro en San Francisco, ou Chueca e o Gaixample en Madrid e Barcelona son bos exemplos destes procesos.

- https://www.diagonalperiodico.net/antigua/pdfs33/12y13diagonal33-web.pdf
- https://orgulloesprotesta.wordpress.com/2013/07/06/gentrificacion-y-mercantilizacion-de-identidades-por-el-mismo-precio-en-el-barrio-de-chueca-3/
- https://www.diagonalperiodico.net/blogs/vidasprecarias/seguimos-con-suenos-barrio.html
- http://praza.gal/opinion/2613/mais-um-28-de-junho/
- https://www.diagonalperiodico.net/psoe-y-pp-apuestan-por-orgullo-empresarial.html
- https://www.diagonalperiodico.net/especiales-sin-clasificar/salto-hacia-nuevas-marchas.html
- https://codigo288.wordpress.com/2011/06/21/orgullo-gay-el-28-j-y-el-capitalismo-rosa/
- http://www.juridicas.unam.mx/publica/librev/rev/nuant/cont/76/cnt/cnt3.pdf


"Nosos dereitos non son un negocios". Cartaz protesta contra a comercialización e xentrificación no barrio de Chueca.

sábado, 30 de maio de 2015

Fanzine "Xentrificación. Exclusión e tranformación social na zona vella de Vigo"

Liberamos o fanzine "Xentrificación. Exclusión e transformación social na zona vella de Vigo", editado en parcería colaborativa entre Xentrificación Vigo e a distribuidora Lapsus e presentado durante as xornadas organizadas no pasado mes de marzo no C.S. a Revolta do Berbês. Esta pequena publicación intenta compilar, dun xeito resumido, as diferentes problemáticas que están tendo lugar na zona vella de Vigo por mor do proceso de transformación físico e social do barrio histórico Vigués. Este proceso de transformación atópase principalmente capitalizado por políticas activas de exclusión social levadas a cabo tanto pola Xunta de Galicia como polo concello de Vigo (sendo unhas das caras visíbeis deste proceso o organismo Consorcio Casco Vello de Vigo). Estas políticas responden unha vez máis a demandas e intereses de certos sectores privados e empresariais, apostando así por un modelo comercial e turístico do centro histórico da cidade que se esquece, borra e expulsa deste mapa "turístico e comercial" a todo sector poboacional de baixo recursos económicos.
 
O fanzine ten licencia copyleft polo que se agradece todo tipo de descarga, difusión, copia e pega, modificación, etc, co fin de de alimentar o discurso crítico deste proceso de transformación urbana tan excluínte. Polo tanto o obxectivo último desta publicación é a de repensarmos, dende o colectivo, en que tipo de cidade queremos vivir, argallando entre todas outras formas e xeitos horizontais de entender e vivir a cidade.



E por suposto agradecer a ilustradora Inés Casarejos polo deseño da portada e da figura do interior do fanzine.

martes, 5 de maio de 2015

Charla + debate no CSOA Escarnio e Maldizer

O vindeiro venres día 8 de maio, Xentrificación Vigo participará na charla-debate "Xentrificación: transformación e exclusión social" que terá lugar no CSOA Escarnio e Maldizer de Santiago de Compostela. O evento será ás 20:00h na rúa Algalia nº 11 e irá acompañado dun rico ceador.

Até o venres!!!



venres, 24 de abril de 2015

Proxecto "Cercanías"

Interesante proxecto que sae da man do Periódico Diagonal e de La Marea, onde a través da publicación "Cercanías" vaise facer unha radiografía social de 60 cidades de todo o estado español, incluída Vigo (ademais de A Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra e Lugo no referido a Galiza). Se gostas do proxecto podes facerte mecenas e conseguir un exemplar a través da seguinte ligazón:

Ligazón ao crowdfunding do proxecto: https://goteo.org/project/cercanias


domingo, 19 de abril de 2015

Presentación do fanzine no III Encontro Anarquista do Libro na Guarda

Ola amigxs! O vindeiro sábado 25 de abril ás 16:00h, Xentrificación Vigo estará presentando o fanzine "Xentrificacion e exclusión social na zona vella de Vigo" na praza de San Bieito no III Encontro Anarquista do Libro na Guarda.

Agardámosvos!!!



"sobre as 16:00 poderemos presenciar a presentación do fanzine “Xentrificación. Transformación e exclusión social na zona vella de Vigo”, que recolle o traballo desenvolvido polo colectivo Xentrificación Vigo, nun intento de repensar, desde o colectivo e dun xeito crítico, os procesos de transformación social e urbana que están acontecendo no centro histórico da cidade. Procesos que están a provocar a expulsión e marxinalización de colectivos sociais, así como a revalorización das vivendas e dos alugamentos, ademais de favorecer á comercialización e turistificación da maior parte deste barrio."

martes, 24 de marzo de 2015

"Unha nova forma de humanización" do Instituto Galego de Praxe Actual

Partillamos o interesante texto "Unha nova forma de humanización" do Instituto Galego de Praxe Actual que analiza as políticas e actuacións de "cidade fachada" que se veñen desenvolvendo na cidade de Vigo nestes últimos tempos. Animámosvos a súa lectura e difusión. 

"Supoñen un plan desarrollista, perpertuo e desmedido, enfocado baixo o omnipresente pretexto da humanización da cidade cara un proceso especulativo que prioriza, frente a outros criterios de habitalidade, a turistificación, a xentrificación e a comercialización do espazo urbano"

Unha nova forma de humanización
-Instituto Galego de Praxe Actual-

venres, 13 de marzo de 2015

Entrega III - Introdución a un mapa da memoria

Máis unha entrada da colección sobre memoria histórica realizada entre Lapsus e Xentrificación Vigo. Desta volta: Introdución a un mapa da memoria.

Introdución a un mapa da memoria 
-Entidades localizadas na Zona Vella-

mércores, 11 de marzo de 2015

Entrega II: A cidade oculta. Primeiro acto.

Hoxe continuamos coa entrega de publicacións froito da colaboración entre Lapsus e Xentrificación Vigo. Desta volta un novo número sobre a memoria histórica colectiva da zona vella de Vigo: A cidade oculta. Primeiro acto. 

Agardamos que sexa do voso interese! Aquí abaixo tedes a visualización deste novo texto que permite ademais a súa descarga directa, por se queredes difundilo e espallalo polas redes ou en papel. 

 A cidade oculta. 
-Primeiro acto-

luns, 9 de marzo de 2015

Entrega I: Vigo nos albores da emancipación - a zona vella, unha cartografía incompleta - (1870-1936)

Grazas á colaboración entre Lapsus e xentrificación Vigo van saír publicadas  unha serie de entregas ao longo destas semanas sobre a zona vella co obxectivo de recuperar a memoria histórica do que outrora foi o centro social, político e asociativo da cidade de Vigo. Aquí deixamos a primeira entrega preparada xa para descarregar, ler e difundir tantas veces como queirades.

"Dende Lapsus non queriamos deixar pasar a oportunidade que nos ofrecen estas xornadas para aportar o noso gran de area en forma de aproximación histórica a un barrio como a zona vella, outrora centro do asociacionismo político e social da cidade, publicando unha serie de entregas cuxo obxectivo é volver a vista sobre aspectos inéditos da memoria colectiva. Porque recordar implica, necesariamente, tomar partido no combate pola historia."
 
 Vigo nos albores da emancipación 
- a zona vella, unha cartografía incompleta - 
(1870-1936)

sábado, 7 de marzo de 2015

Relatos da xentrificación polo Consorcio Casco Vello: "De Lupanar a Pinacoteca"

Que a misión do Consorcio Casco Vello sexa a de lavar a imaxe do barrio e transformalo socialmente está máis que clara, mais non deixa de ser abraiante e lamentábel que dende unha institución pública se faga uso dos seus medios de difusión para realizar unha apoloxía directa da exclusión social, coa clara intención de dividir a cidadáns de primeira e segunda categoría.

Neste caso referímonos as mulleres traballadoras do sexo da Ferrería, onde dende os xornais de maior tirada da cidade e dende as propias institucións, estase a realizar unha campaña de criminalización, referíndose a este colectivo coma a maior problemática do barrio, sen ofreceren unha alternativa real a estas mulleres ou tan sequera formularse a súa integración no barrio. A única medida que propoñen é a súa expulsión co fin de que o barrio poida "rexenerarse" socialmente dunha vez. Un exemplo podémolo atopar neste parágrafo extraído do blogue do Consorcio Casco Vello:

"la ocupación cultural de las casas de lenocinio, holganza y malvivir, que es lo que la rehabilitación ha conseguido en el barrio viejo vigués desplazando o licenciando a sus respetables señoras prostitutas"

Por que non hai un plan de intervención social coas traballadoras do sexo no barrio? Por que empregar un discurso estigmatizante e excluínte (e con certo ton de sorna)? Seica a intención última é a creación de relatos para a xeración dunha nova identidade (excluínte) do barrio. Do mesmo xeito que se intentou mudar o nome da Ferrería por Barrio Alto, para desligar así toda connotación que conceptualmente se tiña do barrio dentro do imaxinario Vigués, nun intento máis de reformular A Ferrería con fins especulativos, turísticos e comerciais.


Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Aquí tedes a entrada completa no blogue do Consorcio Casco Vello:

martes, 3 de marzo de 2015

Entrevista en praza pública

Moitas grazas ás amigas de Praza Pública pola entrevista e pola difusión das Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo. Gostamos moito do enfoque das preguntas e do proceso que tivemos para a elaboración das respostas. Agardamos que tamén sexa de voso interese.


domingo, 1 de marzo de 2015

Obradoiro de mapeo colectivo

O vindeiro 14 de marzo, dentro das  xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, vaise desenvolver no Centro Social a Revolta do Berbés un obradoiro de mapeo colectivo. Para introducirmos un pouco mais nestas dinámicas de cartografía crítica e colectiva, deixamos as seguintes anotacións sobre os mapeos colectivos e a dinámica que vaise levar a cabo neste mapeo social da zona vella de Vigo.

Agardamos a túa participación!!



Que son os mapeos colectivos?

Os mapeos colectivos son unha ferramenta que permiten, dende unha posta en común e participativa, identificar diversas problemáticas (sociais, ambientais, etc) que actúan sobre os territorios, cidades ou barrios. Facilita así a participación e a creación de un ideario de resistencia, froito dun proceso de reflexión e crítica colectiva. 


Que finalidade teñen?

Este proceso de reflexión colectiva tradúcese nun formato visual, o mapa, que estabelece unha cartografía social que axuda a difusión e o entendemento das problemáticas que afectan sobre o territorio, así como validar as voces críticas e de resistencia destas mesmas. Ademáis os mapeos son prácticas que favorecen os intercambios de saberes e a aprendizaxe mutua entre todas as participantes, grazas a que estes pretenden ser un espazo para a socialización e o debate, deixando unha porta aberta a futuras propostas, colaboracións e iniciativas. Polo tanto os mapeos colectivos non son un fin en si mesmos, senón que son unha ferramenta máis que propicia o diálogo, a reflexión e participación colectiva.

Que se vai facer no obradoiro do día 14?

O obradoiro de mapeo colectivo do día 14 de marzo está pensado para reflexionarmos, desde o colectivo, sobre as problemáticas sociais e especulativas  presentes na zona vella da cidade de Vigo. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os últimos anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico da cidade. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.


Como se vai levar a cabo o mapeo?

Para levar a cabo o mapeo entre todas as participantes, dividirémonos en diferentes grupos temáticos onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa da zona vella e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferrament, para identificar e entender  de xeito visual, de o porqué estamos a falar sobre procesos de xentrificación e especulación en Vigo.


Fai falla incrición previa?

Aínda que non fai falla unha inscrición previa ao obradoiro de mapeo colectivo que imos desenvolver, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro, nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com ou ao facebook de Xentrificación Vigo co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


Por último, se queredes afondar máis sobre os mapeos colectivos, recomendamos a visita a páxina das amigas de Iconoclasista, así como a lectura do seu interesantísimo manual de mapeos colectivos.

Agardámoste o sábado 14 de marzo, ás 17:00h, no Centro Social a Revolta do Berbés na rúa Real nº12 (zona vella), Vigo-Gz.

domingo, 22 de febreiro de 2015

Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo

Os vindeiros días 6, 7, 13 e 14 de marzo temos o pracer de convidar a toda a veciñanza de Vigo ás primeiras xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, que se van desenvolver no C.S. A Revolta do Berbês grazas á colaboración dos colectivos Xentrificación Vigo, GAS, LAPSUS e a ODS-Coia. Estas xornadas están pensadas como un punto de encontro e de posta en común para repensarmos, desde o colectivo e dun xeito crítico, os procesos de transformación social e urbana que están acontecendo no centro histórico da nosa cidade. Procesos que están a provocar a expulsión e marxinalización de colectivos sociais presentes no barrio durante anos, asi como a suba dos prezos das vivendas e dos alugamentos, ademais da comercialización e turistificación da maior parte do barrio.


Agardámosvos nas datas sinaladas no C.S. A Revolta do Berbés, en rúa Real nº 12 (zona vella), Vigo-Gz.

Programación

Venres 6 de marzo. 20:00h.

- Presentación das xornadas e do fanzine "Xentrificación. Transformación e exclusión social na zona vella de Vigo".
- Proxección: "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" 


Sábado 7 de marzo. 19:30h.

Mesa redonda:
  - Transformación urbana e conflitividade social na cidade capitalista
        Con Juan Medela, Grupo de Estudos Antropolóxicos "La Corrala"
  - Especulación e exclusión social na zona vella de Vigo
        Con Xentrificación Vigo.


Venres 13 de marzo. 20:00h.

- Proxección + debate: "Bye bye Barcelona"


Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo (cartografía social do barrio)
19:00h. Roteiro pola zona vella.

     ++ mais petiscos veganos e exposición fotográfica permanente++

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Venres 6 de marzo. 20:00h.

Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries. 65:01min. Panóptica / LaCol (Països Catalans)

A través do documentario "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" inténtase facer unha reflexión crítica á cidade contemporánea a través dos procesos de transformación acontecidos en Can Batlló, así como da evolución do Modelo Barcelona. Can Batlló é un recinto pendente de transformación, obxecto de reivindicación e loita veciñal dende fai moitos anos, atopándose agora nun proceso de apropiación por parte da cidadanía. A través deste proceso de recuperación, o documental pregúntase sobre cales son as regras do xogo, os actores, os intereses e estratexias que ditaron as transformacións urbanas na Barcelona dos últimos trinta anos e que levaron á situación actual: ao Can Batlló da  propiedade privada fronte ao Can Batlló da xente. Partindo desta base, o documentario reflexiona sobre o futuro e sobre as outras Barcelonas posíbeis, sobre todo nesas cidades que aínda nos quedan por imaxinar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 7 de Marzo 19:00h.

Nesta xornada Juan Medela, do Grupo de Estudos Antropolóxico "La Corrala", vainos introducir nas dinámicas actuais de construción da cidade capitalista. Para isto abordará os conceptos de cidade capitalista, de marketing urbano e de marca cidade, cuxas políticas de aplicación dan lugar á transformación do espazo urbano e por conseguinte a procesos de xentrificación, de exclusión, de privatización e de control social. Deste xeito, abordará os diferentes mecanismos de renovación e transformación urbana e social aplicados polas institucións cuxo fin último e potenciar e comercializar unha marca de cidade convertendo os espazos urbanos nun produto de consumo máis.

A continuación, Xentrificación Vigo vai abordar os procesos de especulación e exclusión social que se observan na zona vella da cidade. Dun xeito resumido intentarase identificar os actores, os procesos e os intereses que se atopan detrás dos procesos de transformación que levan tendo lugar nestes últimos anos no centro histórico de Vigo.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------- 

Venres 13 de marzo. 20:00h.  

"Bye Bye Barcelona" (54.40 min). de Eduardo Chibas (Països Catalans) 

“Bye Bye Barcelona" é un documental acerca da cidade e a súa relación co turismo, acerca da difícil convivencia entre Barcelona, xs barceloneses e o turismo e xs turistas. É un documental que expón, da man dalgúns dos seus moradores, os graves efectos que o turismo masivo ten na cidade condal. Barcelona non é unha gran metrópole, pero pode presumir de ser a cuarta cidade con maior turismo na Europa tras tres grandes capitais como Londres, París e Roma, sendo o seu porto o que máis cruceiros recibe de Europa e do Mediterráneo. Os Barceloneses viron como, en escasamente unha década, a cantidade de turistas triplicouse e ao economía xirou ate o servizo turístico, explotando, e destruíndo á vez, un patrimonio construído por xeracións anteriores. Realmente paga a pena perder todo isto?”

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo.

Este obradoiro está pensado para reflexionarmos desde o colectivo as problemáticas sociais e especulativos  presentes na zona vella da cidade. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os último anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico de Vigo. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.

Para isto dividirémonos en diferentes grupos temáticos, onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa  e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferramenta para identificar e entender  de xeito visual de porqué falar sobre procesos de xentrificación en Vigo.

Na páxina web de Iconoclasista podedes atopar o interesante manual de mapeo colectivo para afondar máis no tema. Animádevos a vir!!

Aínda que non fai falla inscrición previa, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


19:00h. Roteiro pola zona vella

A partires da cartografía obtida no obradoiro, realizarase un roteiro explicativo polo barrio para toda persoa que quixera vir. A andaina estará guiada entre os diferentes colectivos participantes nas xornadas e os diferentes grupos de traballo do obradoiro-mapeo que se queiran animar.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------
E ademais en cada xornada haberá petiscos veganos con prezo solidario para a autofinanciación das xornadas, ademais dunha exposición fotográfica permanente de denuncia social contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo.

martes, 17 de febreiro de 2015

Compilación de novas especulativas

A continuación deixamos unhas novas destes días sobre tres procesos de transformación e especualación que están tendo lugar na cidade: Barrio do Cura, fachada de Elduayen e o proxecto de Vigo vertical:

 - "La promotora del Barrio do Cura logra otro mes de margen de los bancos para salvar la urbanización": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/promotora-barrio-do-cura-logra/1185203.html

 - "Desmontan las fachadas de Elduayen para reformar los locales comerciales": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/desmontan-fachadas-elduayen-reformar-locales/1185201.html 

- "El ascensor urbano que unirá Pi y Margall con Camelias estará concluido en junio": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/ascensor-urbano-unira-pi-margall/1185205.html

Especial "A Fondo" sobre xentrificación

A finais de semana sairá un o A Fondo das compas de Sermos Galiza sobre ‪‎xentrificación‬ onde Xentrificación Vigo colabora con dous artigos. Aquí deixamos a ligazón á interesante entrevista previa deste especial dispoñíbel dende hoxe na web. Moitas grazas ao xornal e aos coordinadores por todo o traballo feito.

"A xentrificación non é máis que outra das expresións agresivas do capitalismo. Calquera cousa é convertida en mercadoría, e os barrios, as vilas, as cidades, non son menos. A paisaxe urbana é secuestrada, e pasa a ser unha mercadoría máis dentro das lóxicas mercantís. A veciñanza dilúese e xorde o consumidor e o turista"

Ligazón á entrevista aquí==> http://www.sermosgaliza.gal/articulo/comunidade-sermos/no-decorado-atraer-cartos-colectivos-desfavorecidos-afean-foto/20150213195642034951.html



venres, 30 de xaneiro de 2015

Argallando xornadas para marzo

Ola amigxs!

Estamos argallando unhas xornadas para os días 6, 7, 13 e 14 de marzo sobre xentrificación e especulación na zona vella de Vigo. As xornadas contarán con proxeccións, palestras, exposición colectiva, roteiro e moito máis. Cando teñamos o cartaz pechado subirémolo ao blogue e ao facebook para a súa difusión. Namentres, se tedes algunha idea ou queredes aportar algo na preparación das xornadas, non dubidedes en contactar polo facebook ou polo enderezo electrónico xentrificacionvigo@gmail.com

Obrigadxs a todxs,

Xentrificación Vigo

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Libro: "Bilbao y su doble: ¿Regeneración urbana o destrucción de la vida pública?"

Compartillamos o interesante libro "Bilbao y su doble: ¿Regeneración urbana o destrucción de la vida pública?" de Garikoitz Gamarra e Andeka Larrea no que xs autores abordan, dende un perspectiva crítica, o proceso de cambio urbano destes últimos anos na cidade de Bilbo.

Recensión

Autores: Andeka Larrea y Garikoitz Gamarra
Editorial: Martxoak 18 K.E.
ISBN: 978-84-88455-70-3

Este libro é o produto do traballo investigador que Garikoitz Gamarra e Andeka Larrea, filósofos e mestres de bacharelato, veñen desenvolvendo nos últimos anos centrados na cuestión do cambio urbano na cidade contemporánea. Dos respectivos camiños investigadores, xorde a idea de colaborar nun libro que aborde a cuestión do cambio urbano en Bilbo dende un punto de vista histórico é crítico, constatando ambos a ausencia dun discurso teórico que poña en cuestión as supostas bondades do proceso, alén de puntuais posicións. Seu interese fundamental foi o de revelar a rede de intereses económicos e políticos que se agochan tralo concepto do "Novo Bilbao", facendo fincapé na importancia do espazo urbano.

“No Bilbo no que vivimos actualmente, o das luces, os museos de alto standing, o dos programas culturais por doquier, o Bilbo escintilante, ese que vemos todos os días nas campañas de marketing institucionais, no xorde nin da nada, nin da noite a da mañá, ni en beneficio da cidadanía.

Primeiro degradación e reconversións industriais que deixaron a un sector importante da poboación en situación precaria; posteriormente chegan os plans urbanísticos (...) que reconverten vellos comboios en elegantes metros que antes da sua función de transporte xa se converteran en marca rexistrada, construcións espectaculares co Guggenheim (...) e o Euskalduna Jauregia á cabeza; os cales van a par da precarización do emprego, da subsistencia da poboación, da salvaxe especulación, (...) e da degradación dos diferentes movementos sociais(...)”


domingo, 11 de xaneiro de 2015

Nova lapela: Documentación

Ola amigxs! Estreamos no blogue unha nova lapela con diferentes recursos, documentos, libros, novas, vídeos,etc, sobre procesos especulativos, de xentrificación, urbanísticos ou de resistencia veciñal. Animámosvos a que se tedes documentación sobre estes eidos, e queredes compartillala, podedes mandarmos a info polo facebook Xentrificación Vigo ou ben escribindo ao enderezo xentrificacionvigo@gmail.com. Logo subirémola a esta nova sección para aprenderen entre todas.

Agradecémoscho.

Aquí vai a ligazón: Documentación




martes, 6 de xaneiro de 2015

Artigo: Centralidades e Gentrificação na Área Metropolitana de Lisboa

Resumo:

O artigo analisa a transformação das centralidades na Área Metropolitana de Lisboa (AML). As dinâmicas de localização de residentes na cidade de Lisboa e periferia na última década acentuaram o processo de desertificação da cidade e o crescimento da periferia. A tendência de saída de muitos residentes do centro para a periferia caracterizou uma dinâmica de centralidades: suburbanização. Apesar desta situação, verificou-se simultaneamente a diminuição de população de alguns concelhos e freguesias na periferia; a entrada de novos residentes para muitos bairros da cidade de Lisboa; e o crescimento do número de imigrantes. A perda de população da cidade de Lisboa não correspondeu a uma diminuição do seu valor residencial. Viver em Lisboa ou na periferia tem diferente valor social. Recentemente a entrada selectiva de novos residentes para o centro, introduz uma nova dinâmica de centralidades: pós - suburbanização. Este fenómeno revela a importância dos “estilos de vida” como elemento importante na transformação das centralidades. O gosto de viver no centro, associado a alguns grupos, reforça a importância da gentrificação na dinâmica das novas centralidades. O estudo integra metodologias qualitativas (observação participante e entrevistas) e quantitativas (análise de regressão linear múltipla efectuada aos dados dos censos de 1991 e 2001). Os resultados da investigação revelam uma forte importância das variáveis: imigração PALOP, emprego no sector terciário, habitação e família extensa. Os efeitos do crescimento e declínio da população resultantes destes factores têm transformado profundamente o território, com reflexos no uso do espaço público, mudanças em muitos edifícios, coesão social e crescimento de condomínios fechados.


Audio - Barrio Canino: "Barrios en loita: urbanismo, control social e xentrificación"

Partillamos o audio do programa de radio de Barrio Canino, "Barrios en loita: urbanismo, control social e xentrificación". Podes escoitalo aqui.

Resumo

"Esta semana acompáñanos no estudo Luis de la Cruz, historiador, autor do libro "En la batalla urbana: lucha de clases y gentrificación en Madrid" e colaborador de Somos Malasaña e Madrid me Mata. Por telefono interveñen Miquel Fernández, autor de "Matar al Chino", libro publicado por Virus Editotal no que se fala do asedio urbano do Raval, en Barcelona. E tamén contamos coa intervención de Violeta, da Oficina de Vivenda de Madrid

Neste programa falamos do urbanismo como forma de control social, e da transformación dos barrios que se producen por intereses especulativos que en moitas ocasións pretenden que as cidades sexan un gran centro comercial aberto, aínda que para conseguilo, haxa que deslocar aos veciñxs. 

Para isto, empréganse distintos xeitos de violencia, unhas ocasións de forma máis explicita e en outras máis sutís. Ante estes procesos os veciñxs destes barrios só lles queda pelexar por manter a súa identidade e a memoria dos barrios, nunha manifestación clara da loita de clases na pelexa polo territorio no entorno urbano. Esta loita contra a xentrificación teñen moitas particularidades, en cada cidade e en cada barrio..."

Audio: https://ia902700.us.archive.org/25/items/BarrioCaninoVol.138/Barrio%20Canino%20vol.138.mp3

Artigo: “Xentrificación como política pública nunha cidade provincial. O caso da cidade de Leeds no Reino Unido.”

O artigo “Xentrificación como política pública nunha cidade provincial. O caso da cidade de Leeds no Reino Unido.”, céntrase nos procesos de xentrificacion a escala provincial partindo do caso da cidade de Leeds, ao norte de Inglaterra. Podes descarregar o artigo picando aquí.

Resumo 

Este artigo analiza os procesos de xentrificación nunha cidade media do norte de Inglaterra. O caso de Leeds axúdanos a “provincializar” o estudo sobre a xentrificación ao centrarmos fóra das grandes cidades do capitalismo global e situarmos nunha xeografía “provincial” ou “periférica” (en canto a termo capitalista no que se refire). Para capturar as especificidades da xentrificación nesta cidade á vez que contextualizalas no marco máis amplo do neoliberalismo urbano, facemos fincapé en catro variábeis: escala e situación, visión relacional de cidades e políticas urbanas, atención ao rol do Estado e á contestación. Desta análise xorden catro principais procesos de xentrificación que teñen lugar en Leeds: city living, xentrificación comercial, estudentificación e mestura social. Baseámonos nunha metodoloxía cualitativa da análise crítica das políticas do Estado e dunha traxectoria de investigación-acción con movementos sociais na cidades. A nosa conclusión é que a xentrificación en Leeds funciona fortemente como obxectivo da política urbana, mais e un fenómenos inacabado, incipiente ou incluso fracasado nalgúns casos.

Libro: Matar al Chino, de Miquel Fernández Gonzalez

 
"Matar ao Chino amosa que todos os poderes políticos que gobernaron a cidade, tanto conservadores como progresistas, mantiveron unhas políticas de control e persecución social destinadas a fustrigar unhas realidades sociais descontroladas que non se pregan ante políticos e urbanistas." 

O barrio do Raval, cuxo sur xeográficos foi o histórico Barrio Chino de Barcelona, é dende fai máis dun século o símbolo e a representación dos pánicos sociais e morais da burguesía barcelonesa. A concentración de poboación obreira, a pobreza estrutural e a actividade do traballo sexual por unha beira; e, por outro; a súa configuración como espazo de condutas desviadas e dunha cultura urbana ao marxe dos canons morais, fixérono obxecto dunha estigmatización e unha condena permanente. 

Os recentes intentos de colonización urbana no centro histórico, para lograr unha explotación turística, viñeron acompañadas duns intentos de expulsión dunha poboación molesta que debía borrarse do mapa e do escaparate, e que tiveron éxito na destrución de moitas vidas, mais naufragaron como proxecto ante a complexidade social do Raval. 

 Xunto cun magnífico traballo historiográfico, Miquel Fernández, culmina o libro cunha etnografía levada a cabo na rúa d´en Robador, símbolo da violencia institucional aplicada durante a recente reforma urbanística. Nela pode palparse a resistencia a desaparecer dunha comunidade, que nun espazo mediado pola represión, debuxa súas alegrías, tristezas, conflitos, dificultades e esperanzas; en definitiva, súas vidas e a súas ligazóns comunitarias, face a un proxecto dunha cidade que quere borrar a súa existencia. 

Podes descarregar o libro de Virus Editorial dende a seguinte ligazón: http://www.viruseditorial.net/file/mailing-matar-al-chino.pdf

domingo, 4 de xaneiro de 2015

Londres: Nais contra a xentrificación



"“Si no os podéis permitir vivir en Londres, no es mi culpa”. El alcalde de Newham, un distrito al Este de la capital inglesa, no les daba opción. Si no aceptaban ser desalojadas de su hogar, el albergue social donde residían, y ser reubicadas en ciudades a cientos de kilómetros, se convertirían en “homeless voluntarias”, perdiendo todo derecho a recibir ayudas sociales"