martes, 24 de marzo de 2015

"Unha nova forma de humanización" do Instituto Galego de Praxe Actual

Partillamos o interesante texto "Unha nova forma de humanización" do Instituto Galego de Praxe Actual que analiza as políticas e actuacións de "cidade fachada" que se veñen desenvolvendo na cidade de Vigo nestes últimos tempos. Animámosvos a súa lectura e difusión. 

"Supoñen un plan desarrollista, perpertuo e desmedido, enfocado baixo o omnipresente pretexto da humanización da cidade cara un proceso especulativo que prioriza, frente a outros criterios de habitalidade, a turistificación, a xentrificación e a comercialización do espazo urbano"

Unha nova forma de humanización
-Instituto Galego de Praxe Actual-

venres, 13 de marzo de 2015

Entrega III - Introdución a un mapa da memoria

Máis unha entrada da colección sobre memoria histórica realizada entre Lapsus e Xentrificación Vigo. Desta volta: Introdución a un mapa da memoria.

Introdución a un mapa da memoria 
-Entidades localizadas na Zona Vella-

mércores, 11 de marzo de 2015

Entrega II: A cidade oculta. Primeiro acto.

Hoxe continuamos coa entrega de publicacións froito da colaboración entre Lapsus e Xentrificación Vigo. Desta volta un novo número sobre a memoria histórica colectiva da zona vella de Vigo: A cidade oculta. Primeiro acto. 

Agardamos que sexa do voso interese! Aquí abaixo tedes a visualización deste novo texto que permite ademais a súa descarga directa, por se queredes difundilo e espallalo polas redes ou en papel. 

 A cidade oculta. 
-Primeiro acto-

luns, 9 de marzo de 2015

Entrega I: Vigo nos albores da emancipación - a zona vella, unha cartografía incompleta - (1870-1936)

Grazas á colaboración entre Lapsus e xentrificación Vigo van saír publicadas  unha serie de entregas ao longo destas semanas sobre a zona vella co obxectivo de recuperar a memoria histórica do que outrora foi o centro social, político e asociativo da cidade de Vigo. Aquí deixamos a primeira entrega preparada xa para descarregar, ler e difundir tantas veces como queirades.

"Dende Lapsus non queriamos deixar pasar a oportunidade que nos ofrecen estas xornadas para aportar o noso gran de area en forma de aproximación histórica a un barrio como a zona vella, outrora centro do asociacionismo político e social da cidade, publicando unha serie de entregas cuxo obxectivo é volver a vista sobre aspectos inéditos da memoria colectiva. Porque recordar implica, necesariamente, tomar partido no combate pola historia."
 
 Vigo nos albores da emancipación 
- a zona vella, unha cartografía incompleta - 
(1870-1936)

sábado, 7 de marzo de 2015

Relatos da xentrificación polo Consorcio Casco Vello: "De Lupanar a Pinacoteca"

Que a misión do Consorcio Casco Vello sexa a de lavar a imaxe do barrio e transformalo socialmente está máis que clara, mais non deixa de ser abraiante e lamentábel que dende unha institución pública se faga uso dos seus medios de difusión para realizar unha apoloxía directa da exclusión social, coa clara intención de dividir a cidadáns de primeira e segunda categoría.

Neste caso referímonos as mulleres traballadoras do sexo da Ferrería, onde dende os xornais de maior tirada da cidade e dende as propias institucións, estase a realizar unha campaña de criminalización, referíndose a este colectivo coma a maior problemática do barrio, sen ofreceren unha alternativa real a estas mulleres ou tan sequera formularse a súa integración no barrio. A única medida que propoñen é a súa expulsión co fin de que o barrio poida "rexenerarse" socialmente dunha vez. Un exemplo podémolo atopar neste parágrafo extraído do blogue do Consorcio Casco Vello:

"la ocupación cultural de las casas de lenocinio, holganza y malvivir, que es lo que la rehabilitación ha conseguido en el barrio viejo vigués desplazando o licenciando a sus respetables señoras prostitutas"

Por que non hai un plan de intervención social coas traballadoras do sexo no barrio? Por que empregar un discurso estigmatizante e excluínte (e con certo ton de sorna)? Seica a intención última é a creación de relatos para a xeración dunha nova identidade (excluínte) do barrio. Do mesmo xeito que se intentou mudar o nome da Ferrería por Barrio Alto, para desligar así toda connotación que conceptualmente se tiña do barrio dentro do imaxinario Vigués, nun intento máis de reformular A Ferrería con fins especulativos, turísticos e comerciais.


Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Aquí tedes a entrada completa no blogue do Consorcio Casco Vello:

martes, 3 de marzo de 2015

Entrevista en praza pública

Moitas grazas ás amigas de Praza Pública pola entrevista e pola difusión das Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo. Gostamos moito do enfoque das preguntas e do proceso que tivemos para a elaboración das respostas. Agardamos que tamén sexa de voso interese.


domingo, 1 de marzo de 2015

Obradoiro de mapeo colectivo

O vindeiro 14 de marzo, dentro das  xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, vaise desenvolver no Centro Social a Revolta do Berbés un obradoiro de mapeo colectivo. Para introducirmos un pouco mais nestas dinámicas de cartografía crítica e colectiva, deixamos as seguintes anotacións sobre os mapeos colectivos e a dinámica que vaise levar a cabo neste mapeo social da zona vella de Vigo.

Agardamos a túa participación!!



Que son os mapeos colectivos?

Os mapeos colectivos son unha ferramenta que permiten, dende unha posta en común e participativa, identificar diversas problemáticas (sociais, ambientais, etc) que actúan sobre os territorios, cidades ou barrios. Facilita así a participación e a creación de un ideario de resistencia, froito dun proceso de reflexión e crítica colectiva. 


Que finalidade teñen?

Este proceso de reflexión colectiva tradúcese nun formato visual, o mapa, que estabelece unha cartografía social que axuda a difusión e o entendemento das problemáticas que afectan sobre o territorio, así como validar as voces críticas e de resistencia destas mesmas. Ademáis os mapeos son prácticas que favorecen os intercambios de saberes e a aprendizaxe mutua entre todas as participantes, grazas a que estes pretenden ser un espazo para a socialización e o debate, deixando unha porta aberta a futuras propostas, colaboracións e iniciativas. Polo tanto os mapeos colectivos non son un fin en si mesmos, senón que son unha ferramenta máis que propicia o diálogo, a reflexión e participación colectiva.

Que se vai facer no obradoiro do día 14?

O obradoiro de mapeo colectivo do día 14 de marzo está pensado para reflexionarmos, desde o colectivo, sobre as problemáticas sociais e especulativas  presentes na zona vella da cidade de Vigo. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os últimos anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico da cidade. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.


Como se vai levar a cabo o mapeo?

Para levar a cabo o mapeo entre todas as participantes, dividirémonos en diferentes grupos temáticos onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa da zona vella e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferrament, para identificar e entender  de xeito visual, de o porqué estamos a falar sobre procesos de xentrificación e especulación en Vigo.


Fai falla incrición previa?

Aínda que non fai falla unha inscrición previa ao obradoiro de mapeo colectivo que imos desenvolver, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro, nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com ou ao facebook de Xentrificación Vigo co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


Por último, se queredes afondar máis sobre os mapeos colectivos, recomendamos a visita a páxina das amigas de Iconoclasista, así como a lectura do seu interesantísimo manual de mapeos colectivos.

Agardámoste o sábado 14 de marzo, ás 17:00h, no Centro Social a Revolta do Berbés na rúa Real nº12 (zona vella), Vigo-Gz.