xoves, 19 de xuño de 2014

Por que falar de xentrificación na zona vella de Vigo?

Praza Princesa foto http://www.panoramio.com/user/10647?with_photo_id=91633660
En 2005 fundouse o Consorcio Casco Vello co obxectivo de rehabilitar e dinamizar toda a zona vella de Vigo. Desde a súa posta en marcha estase a producir en todo o barrio, e na súa contorna máis inmediata, procesos de especulación coa conseguinte exclusión e diferenciación social. Este fenómeno lígase directamente ás teorías de márketing urbano propias das cidades capitalistas nun contexto de tercialización das súas economías. Nestes procesos tense en conta unicamente a rehabilitación e dinamización do barrio en termos económicos e estéticos (novas fachadas, edificios, comercio, museos etc.), apostando só por unha economía baseada no turismo, no ocio, ou no consumo dirixido, sen atender as necesidades sociais propias da área. No caso da zona vella de Vigo estas necesidades sociais son moi abundantes, cunha parte dos seus habitantes vivindo en situación de alto risco de exclusión social, xa que o barrio presenta un tecido social e urbanístico degradado por anos e anos de abandono institucional. 

O abandono institucional e económico do centro da cidade tivo lugar nun contexto de expansión industrial como o que viviu Vigo desde os anos 60. Neste período de desenvolvemento industrial o barrio vello non supuña un interese económico para os axentes inmobiliarios e investidores privados, centrados máis na construción de grandes bloques para acoller a novas migrantes que comezaban a traballar nas fábricas da periferia ou do porto da cidade. 


A xentrificación, malia ser un fenómeno global froito das políticas neoliberais aplicadas na ordenación das cidades, débese abordar localmente en función das características socioeconómicas e culturais de cada barrio ou cidade. Por iso, parécenos importante tratar e estruturar aqueles puntos máis representativos para xustificar este proceso na cidade de Vigo, unha cidade industrial cun tamaño relativamente pequeno onde o proceso de tercialización está acontecendo máis amodo que noutras cidades, pero non por iso menos excluínte para as clases máis desfavorecidas (e en estadios máis avanzados do proceso tamén excluínte para a clase media ou para os primeiros novos “colonizadores” do barrio que, por mor do aumento progresivo dos inmóbeis ou dos alugueiros dos locais, se ven obrigados a marchar, situación que deu en denominarse “superxentrificación” na bibliografía de antropoloxía urbana).
Praza constitución foto http://www.vivirgaliciaturismo.com/ruta-por-vigo-en-clave-de-mujer/

- Rehabilitación e especulación: O Consorcio presenta unha gran compoñente especulativa polo feito de que o seu xeito de actuar basease na compra de solares e terreos abandonados co fin de vendelos posteriormente e, así, obter unha plusvalía que será destinada a mercar novos terreos para repetir o mesmo proceso. Este modelo de rehabilitación, que é impulsado por un organismo público, contribúe coa nova posta en valor do barrio, animando a que propietarios e novos axentes inmobiliarios comecen a interesarse en investir alí e na súa contorna. A diferenza do que acontece no Barrio do Cura, onde este proceso especulativo é levado a cabo por axentes privados, é que no resto da zona vella a rehabilitación é impulsada por un organismo público (Consorcio Casco Vello), o cal segue a mesma lóxica capitalista que as empresas asociadas ao proxecto do Barrio do Cura.

- Participación institucional no proceso de especulación: a administración pública (a través do Consorcio) participa como primeiro axente actuante na posta en valor do barrio facilitando a entrada de novos investidores, axentes inmobiliarios e propietarios que comezan a interesarse pola zona co obxectivo de investir nela. Isto causa, de forma directa, a suba de prezos de todos os inmóbeis e terreos do barrio, oportunidade que aproveitan os axentes mencionados anteriormente para mercar, rehabilitar e vender terreos e, en consecuencia, aumenta non só o prezo de vivendas e locais, senón tamén o prezos dos seus alugueiros (na área baixa da Zona Vella xa está acontecendo este proceso). Polo tanto, no contexto dun barrio tan degradado como o da zona vella de Vigo é a intervención pública quen comeza co proceso, provocando un efecto chamada para novos investidores; é dicir, facilítase a posta en valor do barrio para que resulte atractivo á entrada destes actores especulativos.

Como dato significativo, tres anos despois da creación do Consorcio do Casco Vello, os alugueiros e o valor do prezo das vivendas no conxunto da zona vella aumentaron un 150% (artigo Los precios se disparan en el Casco Vello debido a la especulación inmobiliaria, 29/02/2008, La voz de Galicia) polo que entendemos que cada día o barrio presenta un maior encarecemento e, polo tanto, maior fenda social en relación á poboación orixinal. 

A alternativa a estas supostas vivendas de carácter social podería ser un parque de vivendas en réxime de alugamento para aqueles sectores poboacionais cun alto risco de exclusión social en termos económicos. Deste modo, responderíase a unha necesidade real de certas capas poboacionais do barrio. Segundo dita a UE, estas vivendas non poderían custar máis do 30% dos ingresos da unidade familiar, modelo estendido noutros países da UE. 

- Nova posta en valor do barrio: neste sentido podemos diferenciar dúas formas de actuación por parte do Consorcio que son determinantes para a nova posta en valor do barrio, como é o caso do acceso ás vivendas sociais e aos locais rehabilitados polo referido organismo público. Por unha banda, para acceder a unha vivenda social rehabilitada polo Consorcio hai que cumprir unhas certas condicións de idade, de solvencia económica etc. Estes requisitos e mecanismos de adxudicación, que proveñen dunha estratexia de márketing para dotar o barrio dun determinado perfil social, provocan unha selección poboacional encuberta, ao condicionar cales sectores de poboación poden acceder ao barrio (aqueles con certa estabilidade económica) e cales non. 

Con isto non se quere dicir que a nova veciñanza non sexa clase traballadora, non obstante estas persoas presentan un perfil determinado que é seleccionado polo Consorcio en función da súa idade (maioritariamente, entre 25 e 35 anos) e da súa capacidade económica (poden xustificar un contrato fixo ou certa estabilidade laboral); así, ao encadrarse nese pretendido perfil, permítelles optar a estas vivendas “sociais”. Deste xeito, o Consorcio Casco Vello exclúe unha gran parte de poboación que abrangue as persoas sen recursos, persoas adultas en paro con difícil acceso a un posto de traballo ou a mocidade que sofre o paro e a precariedade laboral xuvenil (e que en Galiza está a provocar un novo período de migración masiva). Obsérvase, pois, unha vez máis o nulo interese que teñen a Xunta e o Concello en apostar por políticas activas de emprego, amosando maior interese nos procesos especulativos que nas axudas ou actuacións no eido social.

Tamén é significativo que das 64 vivendas rehabilitadas polo Consorcio, soamente 12 sexan de aluguer, ao contrario do que acontece noutros países cunhas políticas de vivenda social máis amplas. Ademais, non son anecdóticos os casos de desafiuzamento por débeda, executados por empresas públicas de vivendas, unha vez que os novos ocupantes, debido a situacións inesperadas de desemprego, deixan de poder pagar a hipoteca ou o alugueiro. Por outra parte, a estratexia de asignación dos novos locais rehabilitados actúa de filtro para lograr o tipo de barrio que desde o Consorcio se pretende proxectar comercialmente. Así, apóstase por unha política de dinamización baseada no ocio e no consumo dirixido, con tendas moi especializadas ou cun toque de certa compoñente do que eles consideran “chic”.

Outra das estratexias de dinamización executadas polo Consorcio e o Concello consiste na edificación de museos, centros de interpretación e inmóbeis públicos (como o edificio de facenda de notificacións e embargos ou o rexistro da propiedade) co obxectivo de aumentar o tránsito polo barrio e, dese modo, favorecer o consumo, a súa nova posta en valor e a creación dun novo tecido social. Co exposto non se quere criticar a creación dese novo tecido social no barrio, senón o feito de que todo este proceso de planificación urbanística coa construción destas novas infraestruturas, responde a intereses económicos e políticos; deriva dunha nova conxuntura de crecemento no barrio, a cal é promovida polas institucións nun contexto de tercialización incipiente da economía da cidade. 

Un aspecto criticábel deste proceso de rehabilitación é a cantidade de orzamentos que se está a investir nesta nova posta en valor do barrio deixando de lado as políticas, as axudas de emerxencia ou os programas de integración social. De executarse este proceso de rehabilitación máis aló das motivacións económicas, o primeiro que cómpre ser feito na zona é un programa de integración social para dar atención aos diferentes colectivos que habitan o fan uso do barrio.

- Lavado de imaxe do barrio e expulsión de certos colectivos sociais: entendemos que existe un proceso de xentrificación debido á expulsión e exclusión de certos colectivos sociais do barrio co obxectivo de lavar a imaxe deste e facer máis atractiva a entrada de capital para dinamizar a zona en termos económicos e turísticos. Deste xeito, o Consorcio e o Concello están levando a cabo a compra de todos os prostíbulos da zona da Ferrería para botar de alí as prostitutas, sen atender as súas necesidades básicas ou sen lles ofreceren unha alternativa real á súa situación. Por outra banda, o Concello pechou o local do programa Sereos, na rúa Elduayen, desprazando os seus usuarios fóra do barrio. Esta decisión foi tomada debido á presión exercida por comerciantes e hostaleiros da zona. 
Protesta polo peche do programa Sereos
Outro dos colectivos expulsados foi o dos xitanos a través da compra directa dos edificios onde vivían. Unha medida integradora entre os diferentes colectivos do barrio sería un aumento de traballadores e educadores sociais a nivel de rúa co fin de atender as necesidades básicas dos grupos cun maior risco de exclusión social. Ao dito, cómpre engadir os anos e anos de abandono institucional deste barrio tradicionalmente obreiro que provocou a lenta marcha durante décadas dos seus habitantes incapaces de acometer eles mesmos as reformas das vivendas e mudándose a pisos nos novos barrios que se edificaban na periferia de Vigo. Este abandono provocou a desvalorización progresiva dos inmóbeis e a degradación do tecido social do barrio até a situación actual de revalorización.

- Aumento do control e vixilancia policial a certos sectores de poboación: o aumento da presenza policial é notábel na zona e máis visíbel nos días que arriban transatlánticos á cidade e centos de turistas percorren as rúas do barrio. Como recollía o xornal Atlántico o pasado 2 de xuño[1], existe por parte da policía nacional un plan de prevención e disuasión para rehabilitar e recuperar zonas degradadas, exercendo presión e asoballando a colectivos sociais a través das identificacións e multas continuas co obxectivo de que estes non rolden polo barrio. Deste xeito, co aumento do control policial e mediante novas nos xornais que criminalizan diariamente a certos colectivos da cidade, conséguese crear un ambiente de inseguridade ficticia co fin de que sirva de pretexto e así poder xustificar plans de rehabilitación e, por conseguinte, as expulsións destes cidadáns do barrio; alén diso, propicia a creación dunha opinión pública favorábel a todo este proceso de rehabilitación onde non son cuestionábeis outros xeitos de actuación.


mércores, 4 de xuño de 2014

Concentración o xoves 05/06/14 nas obras das escaleiras mecánicas polo peche de Sereos


O grupo IMÁN convoca unha concetración o xoves 5 ás 11h00 da mañá diante da obra das escaleiras mecánicas da rúa Segunda República.

Co acto queren denunciar a incoherencia do Concello de Vigo, facilitando a calidade, a comodidade e o confort cunhas escaleiras mecánicas ao mesmo tempo que se maltrata aos centos de usuarios do extinguido Programa SEREOS, expulsándoos do barrio.


Agardamos a vosa presenza!