xoves, 27 de marzo de 2014

Sobre o Centro Galego de Fotografía en Vigo


Os orzamentos municipais deste ano 2014 teñen prevista unha nova partida de 348.000 euros para comezar, no vindeiro mes de marzo[10], coa segunda fase de actuación do Centro Galego de Fotografía. Cómpre lembrar que esta obra está parada por falta de orzamento desde xa hai dous anos, época na que rematou a primeira fase da construción do edificio, financiada cun millón de euros polo Ministerio de Cultura. Esta segunda actuación do centro vai destinada ao acondicionamento e instalación de interiores no edificio (revestimentos, falsos teitos, pavimentos, carpintería, electricidade, fontanería, pintura etc). Por outra banda, non hai data fixa para a súa reapertura e o seu equipamento de contido queda por definir, aínda que o máis seguro é que se instale nel o arquivo Pacheco, Ksado e os fondos das Fotobienais celebradas en Vigo[11] [12].

A decisión de emprazar o Centro Galego de Fotografía na zona vella responde a unha estratexia de márketing urbano, potenciado por parte das institucións e cuxo fin último é dotar de diversas infraestruturas culturais que convertan a zona vella nun referente para o turismo na cidade de Vigo. Deste xeito, asegúranse a chegada de visitantes á cidade e ao barrio co obxectivo de dinamizar a zona economicamente. Isto, á súa vez, fai que a área resulte atractiva á entrada de capital privado nela, debido ao potencial de capital simbólico que supón que unha zona sexa transitada por turistas. Agardemos que non se converta nunha mole cultural de formigón máis, como a Casa das Palabras de Samil ou o Museo do Mar de Vigo.


Ligazóns de referencia:





xoves, 20 de marzo de 2014

Reforma do Mercado do Berbés


Desde o pasado mes de xullo de 2013 está en marcha a remodelación integral do mercado do Berbés. O obxectivo é a dinamización economica deste inmóbel, dado o seu alto potencial turístico por atoparse ao carón do porto de transatlánticos. Esta actuación adxudicouse o ano pasado por 1,7 millóns de euros á empresa Construcciones Ramírez e destináronse, dos orzamentos municipais de 2014, uns 850.000 euros co fin de rematar a segunda fase da obra, a cal comeza no mes de marzo. Dese modo, quedan pendentes 100.000 euros dos 500.000 que se dedicaron no ano 2012. O proxecto conta, ademais, cuns 300.000 euros de reserva, o que fai un total de 1,7 millóns de euros de diñeiro público que irá destinado a fomentar a chegada de investidores privados ao mercado do Berbés.[6][7]

Esta actuación está encamiñada principalmente á remodelación do segundo andar e da cuberta do mercado. No segundo andar preténdese impulsar a chegada de locais de restauración (aínda que nun primeiro momento se quixo destinar a produtos delicatessen). A cuberta do mercado preténdese retirar para instalar nesa área unha cafetería con terraza-miradoiro á ría. Este proxecto desatou a contestación por parte da veciñanza do barrio pois, non só se eleva nun andar máis o mercado (gañando a edificación catro metros máis de altura e pechando máis Vigo ao mar), senón que ademais se están a implantar máis locais de ocio nunha zona acusticamente protexida, precisamente protexida do ruído nocturno dos locais[8]). 

Á súa vez, o primeiro andar destinarase á venda cun total de 35 postos, mentres que o baixo será para a carga e descarga e, posibelmente, aínda que non é definitivo, para a instalación dun supermercado.

En total, o mercado ten 4.850 metros cadrados de superficie repartidos entre o baixo, o primeiro e o segundo andar, mais a cuberta. Isto supón unha boa superficie coa que especular e facer negocio no centro da cidade ao carón do porto de transatlánticos. Non hai que esquecer que o mercado do Berbés se atopa moi preto do actual centro comercial da Laxe, polo que a oferta e demanda deste tipo de ocio e restauración xa están cubertas no barrio. É dicir, non constitúe unha verdadeira demanda da veciñanza da zona vella (agás no caso dos supermercados, xa que o barrio non conta con ningún), senón que a súa remodelación responde a intereses empresariais e especulativos. Desta forma, quérese impulsar un eixe comercial destinado ao turismo en todo o Berbés, que abranguería desde o porto de transatlánticos, pasando polo centro comercial da Laxe e o mercado do Berbés, até a Ribeira do Berbés, coa construción de seis hoteis de pequeno tamaño e con “encanto”[9]. 


Ligazóns de referencia:




mércores, 12 de marzo de 2014

Escaleiras mecánicas na rúa da II República


Nos novos orzamentos municipais deste ano xa se atopan incluídos os destinados á construción do primeiro tramo de escaleiras que unirá, nun futuro, a Porta do Sol coa rúa Menéndez Abeleira co obxectivo de que “o Casco Vello reviva coa cidade”[1]. A obra constará de dúas fases de construción: a primeira fase de actuación iniciarase no mes de marzo e contará cun orzamento de 402.000 euros (dun total de 1,2 millóns para todo o proxecto) unindo deste xeito a Porta do Sol coa rúa de Cruz Verde, salvando así un desnivel de 10 metros. Estas escaleiras serán descubertas (ao contrario do que se planeaba nun primeiro momento) e só de subida[2]. O que non se entende moi ben é a funcionalidade e accesibilidade coa que, supostamente, se quere dotar o barrio con esta nova infraestrutura, xa que a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida queda excluída ao tratarse de escaleiras só de subida, tendo que empregar as escaleiras convencionais para a baixada do mesmo tramo. 

Outro dos motivos para opoñerse a esta obra, e que os medios parecen esquecer, é o alto custo de mantemento que ocasionará ter en bo estado unhas escaleiras mecánicas que, lembremos, se atoparán ao aire libre e baixo a choiva. Un exemplo desta dilapidación económica atopámolo na zona vella de Gazteiz, lugar que o Concello de Vigo tomou como referencia para esta actuación e onde as amigas de “La gente rula” ̶ plataforma veciñal crítica contra os procesos de especulación e xentrificación ̶ dán conta do alto custo de mantemento e ineficacia que supuxo a instalación de ramplas mecánicas no seu barrio a través do seu blogue[3].

Se o obxectivo final por parte do concello é o de mellorar a accesibilidade coa dotación de infraestruturas funcionais no barrio, nese caso o consistorio podería financiar, xunto co monopolio que ten a empresa Vitrasa, o bus eléctrico que comezou a súa andaina no barrio en maio de 2011. Dito bus pechou o seu servizo tres meses despois debido, segundo o concello, aos altos custos económicos que causou a carencia de usuarios[4]. Esta falta de rendibilidade mudaría cun bo trazado da liña e con políticas de incentivo do uso do transporte público; ademais, cómpre ter en conta, que non se trata dun barrio cunha densidade de poboación alta, polo que o número de usuarios sería menor que noutros barrios da cidade. Por outra parte, como ben común que é o transporte público, enténdese que non fai falla obter beneficios económicos a partir deste e, á súa vez, haberá liñas mais rendíbeis que permitirán o funcionamento doutras liñas de menor rendibilidade pero que cumpren, igualmente, coa súa función de servizo social para parte da veciñanza dun barrio. 

Outras das iniciativas para mellorar a accesibilidade do barrio é a colocación de bicicletas eléctricas públicas que permitan a mobilidade entre as diferentes partes da zona vella. De feito, o concello mercou no ano 2011 oito bicicletas eléctricas para tal fin, as cales nunca se chegaron a implantar, achacándoo ao cesamento dos coidadores do barrio e ao feito de non ter aprobada a ordenanza de prezos públicos para o seu aluguer. Desta maneira, as oito bicicletas levan, desde marzo de 2011, no aparcadoiro de Policarpo Sanz agardando a que unha empresa concesionaria amose interese por ofrecer o servizo; iso si, despois de se mercaren con diñeiro público[5]. Polo tanto, destes dous xeitos estariase a dar un servizo eficaz de mobilidade e accesibilidade á poboación residente no barrio.

En resumo, enténdese que a construción deste tramo de escaleiras mecánicas responde a un interese e a un intento de “modernizar” e lavar a imaxe do barrio antigo para o turismo, máis que de dotar de infraestruturas que ofrezan, de verdade, unha función social de mellora na accesibilidade dos residentes do barrio ou do resto da veciñanza viguesa. Tendo en conta que xa existen as infraestruturas para o bus e as bicicletas (e que ambos están agardando en cadanseus aparcadoiros), todas as políticas do concello para mellorar a accesibilidade na zona vella deberían ir orientadas nestas dúas actuacións e non malgastando o diñeiro en dotacións, como son as escaleiras mecánicas, que non responden a unha demanda real e necesaria por parte da veciñanza de Vigo.

Ligazóns de referencia:



martes, 11 de marzo de 2014

"La nueva frontera urbana. Ciudad revanchista y gentrificación" de Neil Smith


Recomendamos a lectura do clásico "La nueva frontera urbana. Ciudad revanchista y gentrificación" de Neil Smith para introducirmos un pouco máis nos procesos globais de xentrificación e das políticas urbanas de transformación dos espazos históricos das nosas cidades. Podedes descargar e consultar o libro na seguinte ligazón de Traficantes de Sueños:



"Una manpostería nueva y brillante de bordes filosos reemplazaba las baldosas grisáceas a causa del clima y las pisadas, el mercado de hortalizas fue engalanado pero conservado, y los monumentos del parque fueron limpiados y pulidos a modo de una "restauración" nostálgica de un pasado inexistente. Los mismos toques que sacaron el óxido de las verdes estatuas del parque devolviéndoles su esplendor de bronce brillante, intentaron limpiar a las personas sin hogar y la pobreza de la historia de la ciudad. Tal y como concluyó Rosalyn Deutsche, la "presentación estética del lugar físico se encuentra indisolublemente ligada al lucro que impulsó la revitalización del barrio"."

"Máis parques e menos pisos de sete andares"


Especulación vertical no Barrio do Cura: Mentres que no resto da zona vella afánanse por conservar os rueiros e edificar seguindo unhas pautas arquitectónicas e estéticas que conserven o "legado histórico" do barrio, no barrio do Cura búscase o maior rendemento económico do terreo cunha especulación vertical. 

Tendo en conta as máis de 18.000 mil vivendas baleiras que existen na cidade, estas 350 vivendas que se planean edificar non responden a unha demanda real, senón a un pelotazo urbanístico onde os únicos que "ganan" son os axentes financeiros e as construtoras encargadas deste megaproxecto inmobiliario. 


luns, 3 de marzo de 2014

O nulo interese das institucións polos orzamentos sociais en Vigo

O alcalde de Vigo posando como Carlos V a cabalo



No proceso de rehabilitación e “humanización” que está acontecendo na zona vella de Vigo, o concello xoga un papel principal como órgano institucional impulsor destas dinámicas rehabilitadoras. Isto é así non só coa súa participación no Consorcio do Casco Vello, senón tamén a través dos investimentos públicos que planea realizar na contorna do barrio histórico, tal como amosan os orzamentos municipais do 2014. Estes orzamentos prevén investimentos na zona vella co obxectivo de dotar o barrio de infraestruturas orientadas exclusivamente ao turismo e ao comercio, nun afán por “modernizar” a imaxe da cidade pero esquecéndose, á súa vez, das problemáticas sociais presentes nas súas rúas.

Estes orzamentos prevén partidas para tres actuacións no barrio como son as achegas para completar a reforma do mercado do Berbés, a actuación da segunda fase do Centro Galego de Fotografía Galega e a construción dunhas escaleiras mecánicas desde a Porta do Sol até a rúa de Abeleira Menéndez[1]. Estas supostas melloras en infraestruturas non están orientadas a mellorar a calidade do barrio ou a dotalo de servizos sociais básicos para as persoas residentes, senón que son actuacións dirixidas a converter o centro da cidade histórica nun espazo recreativo para o turismo e o consumo ligado ao lecer. Isto encaixa coas políticas institucionais actuais de fomentar a tercialización do barrio para convertelo nunha área baseada no sector servizos co fin de ser consumido por turistas ou outros grupos sociais (xeralmente de rendas máis altas) que buscan un modelo determinado de consumo e de ocio. 

Un claro exemplo é A Ferrería, con tendas orientadas a produtos gourmet e ecolóxicos, tendas de arte e fotografía ou espazos de co-working e, á súa vez, a maioría de establecementos que se instalan no barrio histórico son de restauración ou de ocio.

Por outra banda, as institucións non amosan ningún interese en realizar algunha partida de orzamentos destinada á dotación de servizos ou programas sociais básicos para os diferentes sectores poboacionais que habitaban o barrio e que presentan, nun alto grao, risco de exclusión social; todo o contrario, recortan estes servizos, non só aforrando nas partidas orzamentarias destinadas ás axudas sociais, senón pechando servizos xa instalados no barrio e trasladándoos a outros puntos da cidade en peores condicións. Exemplos disto son o peche do local do Programa Sereos, na rúa Elduayen, ou a compra de prostíbulos sen ofrecer unha solución real ás traballadoras do sexo, que se verán na obriga de desprazarse a outras zonas da cidade ou a exercer o seu traballo na rúa.

Outra característica é a ausencia de actuacións para dotar o barrio de espazos públicos e zonas verdes que faciliten as relacións veciñais e a participación social. Un bo exemplo é que os únicos espazos verdes, dos que presume ter creado o Consorcio do Casco Vello, se atopan no interior dos edificios residenciais, só de uso privado[2].
Se sumamos as partidas de investimento para estas tres infraestruturas na zona vella de Vigo, nos orzamentos municipais do 2014, obtemos unha cifra de 1.600.000 euros (402.000€ para as escaleiras mecánicas, 348.000€ para a segunda fase de actuación do Centro Galego de Fotografía e 850.000€ para rematar a reforma do mercado do Berbés).

Se a isto sumamos os orzamentos dirixidos a todos os procesos de humanización e investimento en infraestruturas para este ano 2014, en toda a cidade, obtemos unha cifra de 12 millóns de euros. Do mesmo xeito, se sumamos o custo total desta tres infraestruturas na zona vella, obtemos unha cifra de investimento de 4,2 millóns, procedentes do erario público. Estas contías distan moito dos orzamentos municipais destinados a prestacións de emerxencia social, que contan cun orzamento de apenas 445.000 euros para este ano 2014. Unha vez máis, queda claro o escaso interese das institucións por resolver os problemas sociais presentes na cidade. Estas axudas teñen a finalidade de dar subvencións directas para a prevención, a asistencia e a promoción social, atendendo deste modo as necesidades básicas de aqueles colectivos sociais con maior risco de exclusión e con maiores dificultades de inserción. A Consellería de Benestar Social, que dirixe Isaura Abelairas, é o organismo encargado de xestionar estas prestacións de emerxencia social. Dito organismo, nalgún ano chegou a aforrar até o 30% destes orzamentos, por ser demasiado restritivo á hora de conceder as axudas, tal como denunciou en múltiples ocasións a Oficina de Dereitos Sociais de Coia[3][4]. Deste xeito, a Consellería ̶ e, polo tanto, o Concello de Vigo ̶ está aforrando diñeiro municipal a través de axudas sociais de partidas xa establecidas do erario público. Tendo en conta este feito, non se entende que, desde o concello, se aludise, nun primeiro momento, a unha suposta falta de orzamento para pechar o local Sereos na rúa Elduayen; e tampouco se entende como é posíbel que se aforre en axudas sociais cando na cidade de Vigo hai unha taxa de paro dunhas 36.500 persoas[5], unha taxa de risco de pobreza e exclusión social do 21,21%[6] e teñen lugar uns 500 desafiuzamentos de media ao ano.

Ligazóns de referencia:

A prensa segue vendendo a falsa imaxe, da recuperación da zona vella de Vigo




Nos procesos de rehabilitación, dentro do modelo capitalista e especulativo no que vivimos, soamente tense en conta os beneficios duns poucos que tendo o capital necesario, instálanse naqueles barrios que experimentan certo crecemento económico, podendo deste xeito especular e facer negocio nel (moitas veces grazas as axudas das administracións, como é caso da zona vella de Vigo).
Pero... que pasa con todas as habitantes ou persoas que facían uso deste espazo antes de que chegase a especulación as súas rúas?.

Pois son botadas do barrio (como é o caso dos xitanos, as prostitutas, os senteito, os drogodependentes ou as persoas maiores de baixos recursos da zona Vella) sen que lles ofrezan grandes alternativas (por non dicir nulas), por parte das institucións encargadas de lavar a imaxe do barrio para o especulador.
Namentres, os medios locais vencellos ao empresariado e ao concello, afánanse por presentar esta rehabilitación coma a gran proeza de dinamización do barrio, esquecéndose dos problemas sociais que abundan nesta cidade e estigmatizando aínda máis a certos sectores de poboación:

"Las inversiones realizadas por las administraciones han servido como espoleta para que la barriada vieja y depauperada que apareció hace solo seis años en un programa televisivo se haya convertido en una de las zonas más prósperas de la ciudad."


http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/03/03/actividad-casco-vello-dispara-medio/977806.html