A estratexia dinamizadora do consorcio Casco Vello basease na lóxica capitalista de intervir primeiro na rehabilitación física dos edificios e vivendas do barrio vello para que a continuación teña lugar a rexeneración social[1]. Deste xeito, unha vez rehabilitadas as vivendas produciríase a ocupación destas por novos habitantes de maior poder adquisitivo en comparación cos habitantes previos a este proceso, animando a súa vez aos inversores privados a investir debido á nova posta en valor do barrio. Desta maneira esquécense de forma intencionada de todo proceso de integración dos habitantes e usuarios destes espazos públicos, instando a súa expulsión activa mediante medidas apoiados polo Concello de Vigo (compra de prostíbulos, expulsión do colectivo xitano, peche do local de Sereos, a inexistencia de programas de integración social, etc), pois a súa imaxe e presencia, aos ollos do consorcio, estorba para este proceso de rehabilitación.
O ámbito de actuación máis significativo por parte do Consorcio estase a desenvolver no barrio da Ferrería, zona onde este organismo público está a investir máis orzamento para acadar este fin , favorecendo a posta en valor do barrio e, por ende, a súa revalorización económica e comercial. Xunto a isto, estase a dotar ao barrio de novos usos a través da asignación de edificios público (Novo rexistro da propiedade na rúa Real ou a Oficina de Notificacións e Embargos na Ferrería), así como a rehabilitación de locais comerciais por parte do Consorcio, nos que os seus alugueres presentan un desconto do 50% nos seus dous primeiros anos, así como outras vantaxes económica (como axudas para o acondicionamento dos locais).
Como resultado desta lóxica de rehabilitación no que soamente se ten en conta os beneficios económicos baseados na construción inmobiliaria e obviando, a súa vez, calquera proceso de integración e creación de tecido social, os novos empresarios redactaron un comunicado onde facían pública a súas preocupacións atendendo aos seus intereses. Neste comunicado amosaban a súa preocupación ante o incerto futuro comercial da zona, ademais de que pasado os dous primeiros anos da posta en marcha dos primeiros negocios, os alugueiros pasarían a custar un 50% máis do que están a pagar agora, imposibilitando a viabilidade económica de moitos destes novos negocios [2] [3]. Deste xeito, instan ao Consorcio de prorrogar por máis tempo a redución dos alugueres e a aprobación de todas as iniciativas posíbeis que favorezan o paso de persoas polo rueiro da Ferrería, así como a expulsión de toda actividade de prostitución da zona.
Todo isto é o resultado de que o Consorcio empregase/utilizase aos novos comerciantes da Ferrería como únicos suxeitos dinamizadores do barrio, facendo nula labor social de integración coa poboación e as actividades previas ao proceso de rehabilitación. Deste xeito enganaron aos novos comerciantes insinuando que “o centro histórico de Vigo ía ser a xoia da cidade”, ademais de crear unha maior diferenciación en canto aos intereses particulares entre os novos comerciantes, os novos veciños e a veciñanza previa ao proceso de rehabilitación, marcada de por si por unha gran fenda xeracional e económica.