domingo, 6 de xullo de 2014

Foto Denuncia contra a especulación e xentrificación na Zona Vella de Vigo


Animámoste a participar nesta campaña colectiva contra a especulación e a xentrificación, enviando fotos (ata o 30 de setembro) deste proceso de transformación económica do barrio para crear entre todas unha exposición fotográfica de denuncia colectiva. 

Podes enviar as fotos a xentrificacionvigo@gmail.com ou ben subíndoas ao facebook e partillalas co perfil de Xentrificación Vigo.

Nos últimos anos, a zona vella de Vigo está a experimentar un proceso de transformación urbana a través da rehabilitación integral de numerosos inmóbeis e locais comerciais. Esta rehabilitación persegue o único fin de dinamizar o barrio histórico en termos económicos, obviando calquera tipo de programa de axuda social específico para a zona vella, barrio que presenta dende fai décadas unha elevada porcentaxe de cidadáns e colectivos cun alto risco de exclusión social. 

Así, o Consorcio do Casco Vello e o Concello está a realizar políticas activas de expulsión de cidadáns co único fin de potenciar a economía e o turismo do barrio, esquecéndose da poboación orixinal que se ve na obriga de marchas a outras zonas da cidade. Ao mesmo tempo, consideran esta nova posta en valor do barrio unha gran oportunidade para especular e fomentar o investimento privado a través das súas actuacións de rehabilitacións, feito que provoca a subida paulatina do prezo das vivendas e dos alugueiros. 

Asemade, unha vez máis pérdese na cidade unha nova oportunidade para decidir de xeito colectivo o tipo de cidade na que queremos vivir, comprendendo o urbanismo e os barrios coma un ben común que non deben caer nas mans dos especuladores.