350.000 euros son os últimos orzamentos municipais destinados a remodelación da contorna da Porta do Sol, que segundo o previsto comezará a finais do vindeiro mes de setembro. Este novo plan de rehabilitación ten como obxectivo a remodelación e homoxeneización da fachada comercial de Elduayen, así como o “acondicionamento” da praza da Princesa [1]. A estes proxectos hai que sumarlles a construción das escaleiras mecánicas no tramo da rúa II República , así como a reconstrución por promotoras privadas do arco de Quirós e o edificio en Elduayen 2 (este último cun orzamento de axuda pública de 92.800 euros por parte de Urbanismo) poñendo punto final ao lavado de imaxe deste punto céntrico da cidade [2] [3].
Fachada comercial de Elduayen
O obxecto desta reforma é a homoxeneización da fachada comercial de Elduayen, entre a rúa Abeleira Medéndez e as escalinatas da praza Arguelles. Para esta empresa cóntase co derribo de fachadas e o desmantelamento de dous locais comerciais de titularidade municipal os cales se sitúan fronte as escaleiras que dan acceso a praza de Arguelles. Destes dous locais, soamente un presenta actualmente actividade comercial, o cal será trasladado ao antigo baixo que albergaba o programa Sereos. Deste feito inténtase rehabilitar a fachada que da acceso ao barrio da Ferrería, “dinamizando” e “revalorizando a súa vez o eixo comercial de Elduayen, así como a praza de Arguelles. Pretendese unha vez máis lavar a cara do barrio a partir da súa posta en valor en termos exclusivamente económicos.
Todo isto responde a necesidade, xa fai un ano, do peche do local Sereos por parte do Concello, así como pola presión exercida a través da Asociación de Comerciantes y Empresarios da zona vella, pois a presencia na contorna da Porta do Sol de determinados sectores de poboación que eran usuarixs do programa de axuda social Sereos danaban a imaxe comercial e turística que, tanto o consistorio como as forzas económicas, queren proxectar para esta zona da cidade. Por outra parte, esquécense por completo da rehabilitación das fachadas das vivendas na rúa Elduayen que presentan un alto perigo pola caida de cascallos, facilitando deste xeito o abandono dos inmóbeis en busca dun inversor privado.
Reforma da praza da Princesa
A reforma da praza da princesa ten como obxectivo ampliar o arbolado, a iluminación, repoñer o pavimento danado, así como a limpeza da fonte de pedra. Pero, é necesaria unha reforma integral da praza da Princesa? Semella que esta actuación ten un fío de dobre gume, pois coa súa realización preténdese “limpar socialmente” a praza de todos os colectivos en risco de exclusión social que fan uso actual deste espazo público[4] . Deste xeito, durante os meses nos que se vai levar a cabo as obras, veranse na obriga de marchar a outros puntos da cidade tendo como resultado que no volvan á praza unha vez rematadas as obras. Para isto tamén influirá a presencia policial, moi destacada nesta praza e máis cando arriban transatlánticos a cidade, a cal está levando a cabo un plan de prevención e disuasión exercendo presión e asoballamento a estes colectivos sociais a través das identificacións e multas continuas co obxectivo de que non rolden polo barrio [5] .