xoves, 27 de marzo de 2014

Sobre o Centro Galego de Fotografía en Vigo


Os orzamentos municipais deste ano 2014 teñen prevista unha nova partida de 348.000 euros para comezar, no vindeiro mes de marzo[10], coa segunda fase de actuación do Centro Galego de Fotografía. Cómpre lembrar que esta obra está parada por falta de orzamento desde xa hai dous anos, época na que rematou a primeira fase da construción do edificio, financiada cun millón de euros polo Ministerio de Cultura. Esta segunda actuación do centro vai destinada ao acondicionamento e instalación de interiores no edificio (revestimentos, falsos teitos, pavimentos, carpintería, electricidade, fontanería, pintura etc). Por outra banda, non hai data fixa para a súa reapertura e o seu equipamento de contido queda por definir, aínda que o máis seguro é que se instale nel o arquivo Pacheco, Ksado e os fondos das Fotobienais celebradas en Vigo[11] [12].

A decisión de emprazar o Centro Galego de Fotografía na zona vella responde a unha estratexia de márketing urbano, potenciado por parte das institucións e cuxo fin último é dotar de diversas infraestruturas culturais que convertan a zona vella nun referente para o turismo na cidade de Vigo. Deste xeito, asegúranse a chegada de visitantes á cidade e ao barrio co obxectivo de dinamizar a zona economicamente. Isto, á súa vez, fai que a área resulte atractiva á entrada de capital privado nela, debido ao potencial de capital simbólico que supón que unha zona sexa transitada por turistas. Agardemos que non se converta nunha mole cultural de formigón máis, como a Casa das Palabras de Samil ou o Museo do Mar de Vigo.


Ligazóns de referencia: