Nos novos orzamentos municipais deste ano xa se atopan incluídos os destinados á construción do primeiro tramo de escaleiras que unirá, nun futuro, a Porta do Sol coa rúa Menéndez Abeleira co obxectivo de que “o Casco Vello reviva coa cidade”[1]. A obra constará de dúas fases de construción: a primeira fase de actuación iniciarase no mes de marzo e contará cun orzamento de 402.000 euros (dun total de 1,2 millóns para todo o proxecto) unindo deste xeito a Porta do Sol coa rúa de Cruz Verde, salvando así un desnivel de 10 metros. Estas escaleiras serán descubertas (ao contrario do que se planeaba nun primeiro momento) e só de subida[2]. O que non se entende moi ben é a funcionalidade e accesibilidade coa que, supostamente, se quere dotar o barrio con esta nova infraestrutura, xa que a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida queda excluída ao tratarse de escaleiras só de subida, tendo que empregar as escaleiras convencionais para a baixada do mesmo tramo.
Outro dos motivos para opoñerse a esta obra, e que os medios parecen esquecer, é o alto custo de mantemento que ocasionará ter en bo estado unhas escaleiras mecánicas que, lembremos, se atoparán ao aire libre e baixo a choiva. Un exemplo desta dilapidación económica atopámolo na zona vella de Gazteiz, lugar que o Concello de Vigo tomou como referencia para esta actuación e onde as amigas de “La gente rula” ̶ plataforma veciñal crítica contra os procesos de especulación e xentrificación ̶ dán conta do alto custo de mantemento e ineficacia que supuxo a instalación de ramplas mecánicas no seu barrio a través do seu blogue[3].
Se o obxectivo final por parte do concello é o de mellorar a accesibilidade coa dotación de infraestruturas funcionais no barrio, nese caso o consistorio podería financiar, xunto co monopolio que ten a empresa Vitrasa, o bus eléctrico que comezou a súa andaina no barrio en maio de 2011. Dito bus pechou o seu servizo tres meses despois debido, segundo o concello, aos altos custos económicos que causou a carencia de usuarios[4]. Esta falta de rendibilidade mudaría cun bo trazado da liña e con políticas de incentivo do uso do transporte público; ademais, cómpre ter en conta, que non se trata dun barrio cunha densidade de poboación alta, polo que o número de usuarios sería menor que noutros barrios da cidade. Por outra parte, como ben común que é o transporte público, enténdese que non fai falla obter beneficios económicos a partir deste e, á súa vez, haberá liñas mais rendíbeis que permitirán o funcionamento doutras liñas de menor rendibilidade pero que cumpren, igualmente, coa súa función de servizo social para parte da veciñanza dun barrio.
Outras das iniciativas para mellorar a accesibilidade do barrio é a colocación de bicicletas eléctricas públicas que permitan a mobilidade entre as diferentes partes da zona vella. De feito, o concello mercou no ano 2011 oito bicicletas eléctricas para tal fin, as cales nunca se chegaron a implantar, achacándoo ao cesamento dos coidadores do barrio e ao feito de non ter aprobada a ordenanza de prezos públicos para o seu aluguer. Desta maneira, as oito bicicletas levan, desde marzo de 2011, no aparcadoiro de Policarpo Sanz agardando a que unha empresa concesionaria amose interese por ofrecer o servizo; iso si, despois de se mercaren con diñeiro público[5]. Polo tanto, destes dous xeitos estariase a dar un servizo eficaz de mobilidade e accesibilidade á poboación residente no barrio.
En resumo, enténdese que a construción deste tramo de escaleiras mecánicas responde a un interese e a un intento de “modernizar” e lavar a imaxe do barrio antigo para o turismo, máis que de dotar de infraestruturas que ofrezan, de verdade, unha función social de mellora na accesibilidade dos residentes do barrio ou do resto da veciñanza viguesa. Tendo en conta que xa existen as infraestruturas para o bus e as bicicletas (e que ambos están agardando en cadanseus aparcadoiros), todas as políticas do concello para mellorar a accesibilidade na zona vella deberían ir orientadas nestas dúas actuacións e non malgastando o diñeiro en dotacións, como son as escaleiras mecánicas, que non responden a unha demanda real e necesaria por parte da veciñanza de Vigo.
Ligazóns de referencia: