O alcalde de Vigo posando como Carlos V a cabalo |
No proceso de rehabilitación e “humanización” que está acontecendo na zona vella de Vigo, o concello xoga un papel principal como órgano institucional impulsor destas dinámicas rehabilitadoras. Isto é así non só coa súa participación no Consorcio do Casco Vello, senón tamén a través dos investimentos públicos que planea realizar na contorna do barrio histórico, tal como amosan os orzamentos municipais do 2014. Estes orzamentos prevén investimentos na zona vella co obxectivo de dotar o barrio de infraestruturas orientadas exclusivamente ao turismo e ao comercio, nun afán por “modernizar” a imaxe da cidade pero esquecéndose, á súa vez, das problemáticas sociais presentes nas súas rúas.
Estes orzamentos prevén partidas para tres actuacións no barrio como son as achegas para completar a reforma do mercado do Berbés, a actuación da segunda fase do Centro Galego de Fotografía Galega e a construción dunhas escaleiras mecánicas desde a Porta do Sol até a rúa de Abeleira Menéndez[1]. Estas supostas melloras en infraestruturas non están orientadas a mellorar a calidade do barrio ou a dotalo de servizos sociais básicos para as persoas residentes, senón que son actuacións dirixidas a converter o centro da cidade histórica nun espazo recreativo para o turismo e o consumo ligado ao lecer. Isto encaixa coas políticas institucionais actuais de fomentar a tercialización do barrio para convertelo nunha área baseada no sector servizos co fin de ser consumido por turistas ou outros grupos sociais (xeralmente de rendas máis altas) que buscan un modelo determinado de consumo e de ocio.
Un claro exemplo é A Ferrería, con tendas orientadas a produtos gourmet e ecolóxicos, tendas de arte e fotografía ou espazos de co-working e, á súa vez, a maioría de establecementos que se instalan no barrio histórico son de restauración ou de ocio.
Por outra banda, as institucións non amosan ningún interese en realizar algunha partida de orzamentos destinada á dotación de servizos ou programas sociais básicos para os diferentes sectores poboacionais que habitaban o barrio e que presentan, nun alto grao, risco de exclusión social; todo o contrario, recortan estes servizos, non só aforrando nas partidas orzamentarias destinadas ás axudas sociais, senón pechando servizos xa instalados no barrio e trasladándoos a outros puntos da cidade en peores condicións. Exemplos disto son o peche do local do Programa Sereos, na rúa Elduayen, ou a compra de prostíbulos sen ofrecer unha solución real ás traballadoras do sexo, que se verán na obriga de desprazarse a outras zonas da cidade ou a exercer o seu traballo na rúa.
Outra característica é a ausencia de actuacións para dotar o barrio de espazos públicos e zonas verdes que faciliten as relacións veciñais e a participación social. Un bo exemplo é que os únicos espazos verdes, dos que presume ter creado o Consorcio do Casco Vello, se atopan no interior dos edificios residenciais, só de uso privado[2].
Se sumamos as partidas de investimento para estas tres infraestruturas na zona vella de Vigo, nos orzamentos municipais do 2014, obtemos unha cifra de 1.600.000 euros (402.000€ para as escaleiras mecánicas, 348.000€ para a segunda fase de actuación do Centro Galego de Fotografía e 850.000€ para rematar a reforma do mercado do Berbés).
Se a isto sumamos os orzamentos dirixidos a todos os procesos de humanización e investimento en infraestruturas para este ano 2014, en toda a cidade, obtemos unha cifra de 12 millóns de euros. Do mesmo xeito, se sumamos o custo total desta tres infraestruturas na zona vella, obtemos unha cifra de investimento de 4,2 millóns, procedentes do erario público. Estas contías distan moito dos orzamentos municipais destinados a prestacións de emerxencia social, que contan cun orzamento de apenas 445.000 euros para este ano 2014. Unha vez máis, queda claro o escaso interese das institucións por resolver os problemas sociais presentes na cidade. Estas axudas teñen a finalidade de dar subvencións directas para a prevención, a asistencia e a promoción social, atendendo deste modo as necesidades básicas de aqueles colectivos sociais con maior risco de exclusión e con maiores dificultades de inserción. A Consellería de Benestar Social, que dirixe Isaura Abelairas, é o organismo encargado de xestionar estas prestacións de emerxencia social. Dito organismo, nalgún ano chegou a aforrar até o 30% destes orzamentos, por ser demasiado restritivo á hora de conceder as axudas, tal como denunciou en múltiples ocasións a Oficina de Dereitos Sociais de Coia[3][4]. Deste xeito, a Consellería ̶ e, polo tanto, o Concello de Vigo ̶ está aforrando diñeiro municipal a través de axudas sociais de partidas xa establecidas do erario público. Tendo en conta este feito, non se entende que, desde o concello, se aludise, nun primeiro momento, a unha suposta falta de orzamento para pechar o local Sereos na rúa Elduayen; e tampouco se entende como é posíbel que se aforre en axudas sociais cando na cidade de Vigo hai unha taxa de paro dunhas 36.500 persoas[5], unha taxa de risco de pobreza e exclusión social do 21,21%[6] e teñen lugar uns 500 desafiuzamentos de media ao ano.
Ligazóns de referencia: