Publicidade co fin de atraer a novos compradores de vivendas na zona vella de Vigo. Este cartaz publicitario, asinado polo Concello de Vigo, Consorcio Casco Vello, Xunta de Galiza e Instituto Galego de Vivenda e Solo, é un exemplo máis das políticas de marketing urbano levadas a cabo por estas institucións no centro histórico da cidade. Estas medidas buscan a rehabilitación e dinamización do barrio a partires de políticas especulativas de compra e venda de vivendas de "carácter social", actuando estes entes públicos como primeiros actores no proceso de rexeneración urbana. Deste xeito participan na nova posta en valor do barrio co fin de animar ao sector privado a investir nel, ademais de crear unha nova subxectividade (grazas a nova posta en valor) que fai aumentar a demanda de persoas interesadas en vivir nel. Como dato significativo tan só 12 vivendas, das 64 vivendas rehabilitadas polo Consorcio ata o de agora, son de aluguer, polo que evidencia o seu fin especulativo e o seu escaso carácter social (unha solución podería ser a creación dun parque de vivendas en réxime de aluguer social).
Estas políticas de rehabilitación van ligadas a outras políticas de exclusión social e estigmatización cuxo fin último é a expulsión de certos colectivos sociais do corazón de Vigo (xitanos, prostitutas, drogodependentes, senteito, etc). Isto é debido a que a súa presenza, a ollos das políticas neoliberais, dana a nova imaxe do centro histórico que están a construír, a cal persegue dotar á zona vella de maior potencial turístico e comercial favorecendo os procesos de especulación inmobiliaria. Deste xeito encamiñáronse políticas e medidas que provocaron o peche do local Sereos, a compra de inmobles e prostíbulos por parte do Concello e Consorcio, así como o aumento significativo da presenza policial. Un exemplo desto último atopámolo na praza da Princesa onde as persoas que fan uso da praza vense sometidas a multas e identificacións case diarias.
Publicidade co fin de atraer a novos compradores de vivendas na zona vella de Vigo. |