venres, 26 de setembro de 2014

A cidade é nosa | Xentrificación Vigo

O vindeiro domingo día 5 vaise proxectar, grazas as amigas de Curtopia Vigo, os documentais Ficção Imobiliária e Luz da plataforma Museo De Los Desplazados do colectivo Left Hand Rotation. A partires destas dúas curtas reflexionaremos entre todas sobre os procesos especulativos neoliberais e as políticas de exclusión social que están tendo lugar na cidade de Vigo.

Para máis info da programación do festival e das diferentes proxeccións podedes consultar a seguinte ligazón:

http://curtopia.es/xentrificacion-vigo/

"No sistema neoliberal as cidades convértense en polos especulativos de acumulación de capital e, dese modo, comézase a deseñar o espazo urbano para satisfacer as necesidades que provoca a tercialización do seu sistema produtivo. Estas prácticas traen consigo a exclusión dun amplo abano dos seus habitantes e o aumento, aínda máis, da fenda social existente que provoca o capitalismo.

A través destas dúas curtas do colectivo Left Hand Rotation, quérese reflexionar sobre a conflitividade e precariedade que xorden dos procesos de especulación e xentrificación, entendidos estes como procesos globais que se desenvolven en cada territorio en función das particularidades do mesmo. Ficção Imobiliária achéganos os conflitos sociais e urbanos propios da lóxica capitalista e de como esta entende a cidade. Dun xeito moi acertado, recompila material formado por películas de ficción onde as problemáticas asociadas á cuestión da vivenda aparecen na trama principal ou cruzada con esta. Pola súa banda, Luz amósanos a realidade do barrio histórico da Luz de São Paulo, onde máis do 30% do seu rueiro está baixo a ameaza de demolición debido a novos plans urbanísticos, coa conseguinte expulsión dos seus actuais moradores."




venres, 12 de setembro de 2014

A universidade chega á ribeira de O Berbés.

A Universidade de Vigo rehabilitará tres edificios de O Berbés para instalar a sede do seu Centro de Linguas grazas á cesión por 40 anos realizada polo Consorcio Casco Vello [1]. Esta medida ponse en marcha despois de que fracasara, ante o sector hostaleiro da cidade, o proxecto de construción de pequenos hoteis na ribeira do Berbés [2]. 

O Consorcio Casco Vello amosa unha vez máis a súa incapacidade de promover vivenda e locais comerciais como se comprometera en 2006 (400 vivendas e uns catrocentos locais)[3]. Este organismo só foi quen de promover unha ducia deles, resaltando o carácter de proxecto sobredimensionado e especulativo co que comezou a súa andaina alá no 2005. Con estas políticas, o Consorcio aposta pola saída fácil de entender o barrio como un colector de servizos de carácter xeral e renunciar ao uso residencial a favor dunha extrema terciarización. Un paso máis na lenta agonía do Casco Vello como espazo de encontro veciñal, de integración, de usos diversos e convivencia. 

Deste xeito, o Consorcio adicouse a mercar edificios ruinosos a prezo de mercado, favorecendo descaradamente a propietarios que incumpriron durante décadas o seu deber de conservación, en lugar de expropiar, rehabilitar e ceder en réxime de vivenda protexida de aluguer social. Pero será difícil convencer a alguén de que levar a sede da Universidade ao Casco Vello é unha medida contraproducente. En fin, a estratexia de rexeneración do Consorcio consiste na ausencia de toda estratexia. 

Fachada da Ribeira de O Berbés.

[1]http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/09/11/universidad-logra-cesion-tres-edificios/1091970.html 

[2] http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/02/03/consorcio-casco-vello-destinara-seis/959880.html 

[3] http://www.lavozdegalicia.es/hem.../2005/09/07/4049533.shtml