O proxecto inmobiliario do Barrio do Cura, levado a cabo pola promotora Karpin & Asociados, responde unicamente a un proceso especulativo de interese privado que conta co beneplácito público tanto da Xunta como do concello de Vigo. A promotora xa ten todos os vistos e praces e o proxecto está avaliado polo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ‒informe de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente e pola Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello. A promotora prevé a construción de 350 vivendas e dun centro comercial de 12.000 m2, cuxas obras poderán iniciarse xa legalmente en calquera momento, unha vez remataren os acordos entre os bancos acredores e os investidores privados. [1],[2]e[3]
O Barrio do Cura atópase nun lugar privilexiado, xa que ocupa un espazo central na cidade de Vigo, outorgándolle un gran valor engadido ao terreo. Ademais, atópase ao carón da zona vella e do porto de transatlánticos, polo que complementa o proceso especulativo de rehabilitación que está tendo lugar no resto da zona vella da cidade.
No Barrio do Cura non hai en si mesmo un proceso de xentrificación e rehabilitación das vivendas, senón que este plan urbanístico é causa dun proceso de especulación e boom inmobiliario que non responde ás necesidades reais da sociedade viguesa. A súa construción provocaría a revalorización e o aumento do valor das vivendas circundantes, incrementando deste xeito o prezo das vivendas e dos alugueiros no resto da zona vella e, isto, á súa vez, agudizaría o proceso de xentrificación e revalorización das vivendas en toda a zona.
Toda esta deriva especulativa no centro da cidade pode servir para cuestionarmos outras formas de facer cidade, formas onde exista unha maior participación cidadá e onde a recuperación dos espazos públicos sexa o factor principal. Tendo en conta que en Vigo existen máis de 18.000 mil vivendas baleiras[4], a construción de 350 no Barrio do Cura non responde a unha necesidade real da cidade, senón que unicamente responde a un proceso especulativo onde a veciñanza do barrio non participa activamente na toma de decisións. Unha vez máis todos estes plans urbanísticos son decididos polas promotoras, as construtoras e os grupos de investimento, cuxo único fin é o seu beneficio privado en detrimento dos intereses comúns da cidadanía.
Á súa vez, a construción dunha gran superficie de compra contradí a imaxe comercial do barrio vello que o Consorcio está a deseñar, pois este organismo está favorecendo a chegada ao barrio de pequenos negocios locais moi especializados (a rúa Abeleira Menéndez é un claro exemplo). Polo tanto, a apertura dun centro comercial provocaría na área un polo de atracción do consumo que desfavorecería o pequeno comercio, tanto o novo que se está instalando no barrio como o comercio máis tradicional ou menos especializado. Alén diso, ao situarse tan preto do centro comercial A Laxe, deixa claro unha vez máis o modelo de negocio de gran superficie que se quere impoñer no centro da cidade.
Ao mesmo tempo, a construción de pisos de até 7 andares racha literalmente a integración urbanística e paisaxística dentro da contorna do barrio vello, aspectos que están sendo moi considerados en todo o proceso de rehabilitación nas actuacións levadas a cabo, tanto polo Consorcio como polos particulares, no resto da zona vella de Vigo.
Tendo en conta a falta de espazos verdes na cidade e a gran cantidade de pisos baleiros existentes, podería propoñerse como alternativa habilitar un parque na zona central do barrio do Cura ou dotar o terreo de hortas urbanas ‒proxecto en marcha dende a ocupación das leiras do barrio en 2011‒ posibilitando unha ampla participación cidadá. Este proxecto hortícola facilitaría grupos de consumo permitindo achegar e fortalecer as relacións veciñais e favorecendo o autoconsumo, escapando así da lóxica do capitalismo máis feroz. Tamén se poden crear espazos comunais nos edificios abandonados a rehabilitar, como por exemplo, centros sociais para o barrio, centros de saúde, bibliotecas, ludotecas para as crianzas, auditorio ao aire libre etc. Deste modo, converteríase o centro da cidade nun espazo verde e de encontro, salvando á súa vez o patrimonio material e inmaterial, pois non hai que esquecer que os terreos do Barrio do Cura estiveron sempre ligados ao cultivo que fornecía a cidade de Vigo. Crearíase, pois, un espazo comunitario, verde e cunha ampla participación da veciñanza, salvando o Barrio do Cura das masas de formigón que a empresa promotora Karpin & Asociados, co visto e prace do Concello, quere construír cun único fin especulativo para o seu beneficio privado.
Queremos parques e non pisos de sete andares!!
Ligazón de interese: