xoves, 6 de febreiro de 2014

A Ferrería: a tematización dun barrio.

foto da revista Aproin nº75

No pasado mes de decembro constituíase no barrio da Ferrería a “Asociación Cultural Barrio Alto do Casco Vello” integrada polos novos comerciantes e novos moradores da parte alta da zona vella de Vigo. O seu principal obxectivo, tal como recollían os medios xeneralistas da cidade, era converter esta zona degradada no novo barrio das artes de Vigo, destacando a nova posta en valor do barrio a través do investimento de capital dos novos comerciantes que, grazas a súa perspectiva empresarial e de negocio, estaban a mellorar a imaxe e o dinamismo comercial da Ferrería.

Pero a omisión do topónimo orixinal, isto é, “A Ferrería”, no nome desta nova asociación e tamén na maioría das novas que sobre o tema aparecían nos xornais, non é casualidade. Isto responde a un intento de lavado de imaxe do barrio que obedece a estratexias de márketing urbano neoliberal co obxectivo de crear unha nova identidade e unha nova posta en valor destas rúas. Deste modo, o barrio aumenta o seu capital simbólico e facilita a entrada de investimento privado a través de novos comerciantes e promotores inmobiliarios que se ven atraídos pola revalorización e mercantilización da zona. 

Mudando o nome da Ferrería polo de “zona alta do Casco Vello” ou polo de “barrio das artes” (incluso dende o Consorcio do Casco Vello se defende o cambio de nome polo de “barrio de San Sebastián”[1]) conséguese a creación dun novo sentimento identitario no barrio, ligado á cultura e ás artes e baseado nun consumo dirixido ao ocio e ao turismo. Deste xeito, inténtase borrar da memoria colectiva a imaxe de deterioración e abandono, así como tamén o rastro de todas aquelas actividades vinculadas ao barrio, como é o caso da prostitución, que se atopan moi ligadas ao termo “Ferrería” dentro do imaxinario vigués. Convértese, así, o barrio nunha marca que vender ao turismo e ao resto da veciñanza viguesa co fin de que veñan a consumir durante o seu tempo de lecer a esta zona central da cidade.

Desta maneira elabórase unha nova identidade de pertenza ao barrio, debido á súa nova posta en valor ‒grazas a unha centralidade histórica que actuou como impulsora do proceso de rehabilitación‒, dando lugar a unha mutación das relacións sociais e comerciais do barrio. Paradoxalmente só entran a debater e opinar os novos comerciantes e habitantes, esquecéndose de todo o tecido social que habitaba ou facía uso do espazo antes da súa chegada. Polo tanto, o curso e a traxectoria do barrio é ditado por todos aqueles grupos sociais que dispoñen dun maior poder adquisitivo e que contan co respaldo da administración[2]. 

Con todo isto, pódese observar unha tematización exclusivamente comercial desta área da zona vella viguesa, que é o resultado dunha planificación e rexeneración urbanística previa ditada conxuntamente tanto polo Consorcio de Casco Vello como polo concello de Vigo e que responde a unha aposta pola especialización do sector terciario na contorna da Ferrería. Un dato significativo é que calquera que queira optar a un dos locais rehabilitados que ofrece o Consorcio do Casco Vello, debe obter o visto e prace e a aceptación deste organismo. Dese xeito, o Consorcio asegúrase de que o modelo de negocio que vai ocupar o local rehabilitado encaixe co modelo de barrio que está a planificar[3]. 

Por outra parte, neste lavado de imaxe e creación de identidade xogan un papel moi importante todos os medios de comunicación locais ligados aos intereses económicos da cidade. Tras a creación desta nova asociación, os medios locais recollían titulares nos que se cualificaba A Ferrería coma a nova “zona hipster” de Vigo ou contiñan declaracións elitistas do tipo “o barrio está collendo un punto moderno moi chulo”[4].

Pero neste proceso de pór de moda o barrio dunha forma planificada e así revalorizalo economicamente, produce á súa vez a exclusión, a estigmatización e a expulsión de todos aqueles grupos sociais que habitaban ou facían uso do espazo antes da chegada dos novos comerciantes, que a ollos destes, supoñen un estorbo para a nova imaxe que se quere proxectar do barrio. Aquí entra en xogo, unha vez máis, o labor do Consorcio do Casco Vello coa compra da maioría dos prostíbulos e a consecuente expulsión das prostitutas do barrio ou co peche, por decisión municipal, do local da rúa Elduayen onde se estaba a desenvolver o programa Sereos. Decisións que son aplaudidas todas elas polas asociacións de comerciantes da zona vella de Vigo. Tamén se materializou esta realidade coa expulsión de diferentes familias xitanas que habitaban no barrio mediante a compra directa dos inmobles e o seu “realoxamento” en pisos de protección oficial noutras zonas da cidade.

De entre as iniciativas que pretende levar a cabo nos vindeiros meses a nova Asociación Cultural “Barrio Alto do Casco Vello”, resulta curioso que comecen cunha exposición fotográfica ao aire libre onde se amosarán os rostros de felicidade dos habitantes do barrio. As persoas retratadas serán escollidas previamente a través dun cásting e, posteriormente, colgaranse lonas, contendo as imaxes, dende as fachadas e muros da Ferrería (tapando, así, estratexicamente, todos os edificios que aínda están sen rehabilitar), polo que os rostros da tristeza, provocados polo desarraigo e a exclusión social dos habitantes de rendas máis baixas, serán unha vez máis silenciados polos intereses económicos duns poucos. A parte disto, a asociación tamén prevé un festival de arte urbana, así como un mercadiño de antigüidades e flores o primeiro domingo de cada mes[5]. Resulta curioso que estas actividades, como pode ser o graffiti, o stencil ou a venda ambulante na rúa, estean sancionadas e reguladas administrativamente na ordenanza cívica municipal de 2009, polo que se volve a clasificar entre cidadáns de primeira ou de segunda categoría en función do poder adquisitivo e o potencial de xerar riqueza económica que cada grupo social posúe, desprazando as persoas das rendas máis baixas cara a outras zonas da cidade onde non son atractivos estes xogos especulativos.

Referencias: