luns, 13 de outubro de 2014

Exclusión social no corazón de Vigo

Publicidade co fin de atraer a novos compradores de vivendas na zona vella de Vigo. Este cartaz publicitario, asinado polo Concello de Vigo, Consorcio Casco Vello, Xunta de Galiza e Instituto Galego de Vivenda e Solo, é un exemplo máis das políticas de marketing urbano levadas a cabo por estas institucións no centro histórico da cidade. Estas medidas buscan a rehabilitación e dinamización do barrio a partires de políticas especulativas de compra e venda de vivendas de "carácter social", actuando estes entes públicos como primeiros actores no proceso de rexeneración urbana. Deste xeito participan na nova posta en valor do barrio co fin de animar ao sector privado a investir nel, ademais de crear unha nova subxectividade (grazas a nova posta en valor) que fai aumentar a demanda de persoas interesadas en vivir nel. Como dato significativo tan só 12 vivendas, das 64 vivendas rehabilitadas polo Consorcio ata o de agora, son de aluguer, polo que evidencia o seu fin especulativo e o seu escaso carácter social (unha solución podería ser a creación dun parque de vivendas en réxime de aluguer social). 

Estas políticas de rehabilitación van ligadas a outras políticas de exclusión social e estigmatización cuxo fin último é a expulsión de certos colectivos sociais do corazón de Vigo (xitanos, prostitutas, drogodependentes, senteito, etc). Isto é debido a que a súa presenza, a ollos das políticas neoliberais,  dana a nova imaxe do centro histórico que están a construír, a cal persegue dotar á zona vella de maior potencial turístico e comercial favorecendo os procesos de especulación inmobiliaria. Deste xeito encamiñáronse políticas e medidas que provocaron o peche do local Sereos, a compra de inmobles e prostíbulos por parte do Concello e Consorcio, así como o aumento significativo da presenza policial. Un exemplo desto último atopámolo na praza da Princesa onde as persoas que fan uso da praza vense sometidas a multas e identificacións case diarias. 

Publicidade co fin de atraer a novos compradores de vivendas na zona vella de Vigo.

sábado, 4 de outubro de 2014

Obxectivo Casco Vello: exclusión social e perdida de valor patrimonial

Semella que o barrio vai seguir camiñando cara o turismo, a especulación, o ocio e o consumo como medidas de rehabilitación e dinamización. Aquí temos unha auténtica declaración de intencións onde se esquecen unha vez máis de esixir políticas sociais e de integración veciñal. Todo isto sumado a unha ausencia dun discurso crítico ao urbanismo salvaxe actual, apoiado polas institucións, que está a provocar exclusión social e pérdida patrimonial. 

"Veiga aplaude la futura presencia de la Universidad en O Berbés a través de su Centro de Linguas y asegura que permanecerán atentos al desarrollo del proyecto: "Todo lo que sea renovar y acondicionar es bueno y junto con el edificio del Registro contribuirá a darle vida al Casco Vello". También aboga por el despegue de la urbanización del Barrio do Cura: "Es una obra muy importante y compleja y sería bueno que empezase cuanto antes porque la zona ofrece una imagen que no beneficia a Vigo. Nosotros estaremos pendientes de cómo se desarrolla y de que se cumplan los plazos. El nuevo presidente también tiende la mano hacia el colectivo de comerciantes del Casco Vello"


venres, 26 de setembro de 2014

A cidade é nosa | Xentrificación Vigo

O vindeiro domingo día 5 vaise proxectar, grazas as amigas de Curtopia Vigo, os documentais Ficção Imobiliária e Luz da plataforma Museo De Los Desplazados do colectivo Left Hand Rotation. A partires destas dúas curtas reflexionaremos entre todas sobre os procesos especulativos neoliberais e as políticas de exclusión social que están tendo lugar na cidade de Vigo.

Para máis info da programación do festival e das diferentes proxeccións podedes consultar a seguinte ligazón:

http://curtopia.es/xentrificacion-vigo/

"No sistema neoliberal as cidades convértense en polos especulativos de acumulación de capital e, dese modo, comézase a deseñar o espazo urbano para satisfacer as necesidades que provoca a tercialización do seu sistema produtivo. Estas prácticas traen consigo a exclusión dun amplo abano dos seus habitantes e o aumento, aínda máis, da fenda social existente que provoca o capitalismo.

A través destas dúas curtas do colectivo Left Hand Rotation, quérese reflexionar sobre a conflitividade e precariedade que xorden dos procesos de especulación e xentrificación, entendidos estes como procesos globais que se desenvolven en cada territorio en función das particularidades do mesmo. Ficção Imobiliária achéganos os conflitos sociais e urbanos propios da lóxica capitalista e de como esta entende a cidade. Dun xeito moi acertado, recompila material formado por películas de ficción onde as problemáticas asociadas á cuestión da vivenda aparecen na trama principal ou cruzada con esta. Pola súa banda, Luz amósanos a realidade do barrio histórico da Luz de São Paulo, onde máis do 30% do seu rueiro está baixo a ameaza de demolición debido a novos plans urbanísticos, coa conseguinte expulsión dos seus actuais moradores."




venres, 12 de setembro de 2014

A universidade chega á ribeira de O Berbés.

A Universidade de Vigo rehabilitará tres edificios de O Berbés para instalar a sede do seu Centro de Linguas grazas á cesión por 40 anos realizada polo Consorcio Casco Vello [1]. Esta medida ponse en marcha despois de que fracasara, ante o sector hostaleiro da cidade, o proxecto de construción de pequenos hoteis na ribeira do Berbés [2]. 

O Consorcio Casco Vello amosa unha vez máis a súa incapacidade de promover vivenda e locais comerciais como se comprometera en 2006 (400 vivendas e uns catrocentos locais)[3]. Este organismo só foi quen de promover unha ducia deles, resaltando o carácter de proxecto sobredimensionado e especulativo co que comezou a súa andaina alá no 2005. Con estas políticas, o Consorcio aposta pola saída fácil de entender o barrio como un colector de servizos de carácter xeral e renunciar ao uso residencial a favor dunha extrema terciarización. Un paso máis na lenta agonía do Casco Vello como espazo de encontro veciñal, de integración, de usos diversos e convivencia. 

Deste xeito, o Consorcio adicouse a mercar edificios ruinosos a prezo de mercado, favorecendo descaradamente a propietarios que incumpriron durante décadas o seu deber de conservación, en lugar de expropiar, rehabilitar e ceder en réxime de vivenda protexida de aluguer social. Pero será difícil convencer a alguén de que levar a sede da Universidade ao Casco Vello é unha medida contraproducente. En fin, a estratexia de rexeneración do Consorcio consiste na ausencia de toda estratexia. 

Fachada da Ribeira de O Berbés.

[1]http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/09/11/universidad-logra-cesion-tres-edificios/1091970.html 

[2] http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/02/03/consorcio-casco-vello-destinara-seis/959880.html 

[3] http://www.lavozdegalicia.es/hem.../2005/09/07/4049533.shtml

luns, 11 de agosto de 2014

A institucionalización da arte de rúa como proceso xentrificador

O concello de Vigo vai iniciar un programa de axudas específicas a propietarios de inmóbeis con paredes medianeiras á vista para que se animen a realizar intervencións artísticas nelas. A área de actuación será o centro da cidade co fin de “mellorar” o seu aspecto, converténdoa a través destas intervencións, nun atractivo máis que poida atraer o turismo. Conseguen así revitalizar o espazo urbano e potenciar, ao mesmo tempo, a marca cidade que estase a proxectar de Vigo cara o exterior.[1]

Estas subvencións de erario publico aos propietarios privados de inmóbeis contarán coa premisa de “publicidade”, “concorrencia” e “obxectividade”, polo que as rúas beneficiades serán aquelas que presenten maior tránsito no centro (comercial e turístico) da cidade, estabelecendo xa unha diferencia en recursos cos demais barrios e parroquias de Vigo, moitas delas con grandes necesidades e carencias en infraestruturas sociais. Ademais, formúlase a participación de empresas que poidan patrocinar ditas intervencións artísticas, “ofertando un espazo propio nos murais para deixar patente a súa colaboración”, privatizando máis os espazos públicos neste modelos de cidade neoliberal que están construíndo.

Isto é un claro exemplo de como a arte de rúa é institucionalizada converténdose nun actor clave nos procesos de xentrificación e especulación en barrios degradados i en edificios abandonados (como é o caso de Lisboa e outras cidades con procesos de xentrificación[2]). Non hai que esquecer que o consistorio Vigués ten política cero en canto as intervencións artísticas na rúa, onde a través da “Ordenanza Municipal reguladora da convivencia cidadá e de ocio” do 2009, estabelece multas de entre 300 a 750 euros, estando considerada estas intervencións artísticas como infraccións leves. Deste xeito, o colectivo graffitero que se atopa asoballado a través destas políticas e prácticas de control social, presentan agora un interese por parte do concello co fin de que axuden a “revitalizar” a imaxe de Vigo a través das súas obras, caendo nas lóxicas da hipocrisía do mercado.

Unha vez máis se amosa as continuas políticas que desde o concello estanse a realizar para deseñar unha cidade fachada orientada ao comercio, o consumo e ao turismo, obviándose das necesidades reais e sociais desta cidade.

Intervención na Panificadora [3], onde as políticas de cero de intervención na rúa do concello limparon os murais aos poucos días.







Prensa e criminalización

O grao de criminalización ás veciñxs "senteito" por partes dos xornais da cidade non coñece de límites. Ao parecer é máis preocupante que este colectivo faga uso da praza, a que o concello non destine máis orzamentos en axudas sociais, na ampliación de máis camas no albergue municipal, ou en programas de rúa con traballadorxs sociais. O único importante é a cidade fachada para o turismo e o consumo que o Concello e grupos económicos, coma os hostaleiros (responsábeis de contratos estacionais e precarios) están a proxectar para crear una cidade marca atractiva para o visitante e o consumidor.

Deste xeito, os quen verdadeiramente toman a praza son as mesas e cadeiras das terrazas que privatizan o espazo público, saltándose ademais a normativa de zona acústica protexida mediante o incumprimento dos horarios e da extensión das terrazas nos fins de semana.

Podes ler a nova completa aquí.

venres, 8 de agosto de 2014

Limpeza social na fachada comercial da Porta do Sol e Elduayen

350.000 euros son os últimos orzamentos municipais destinados a remodelación da contorna da Porta do Sol, que segundo o previsto comezará a finais do vindeiro mes de setembro. Este novo plan de rehabilitación ten como obxectivo a remodelación e homoxeneización da fachada comercial de Elduayen, así como o “acondicionamento” da praza da Princesa [1]. A estes proxectos hai que sumarlles a construción das escaleiras mecánicas no tramo da rúa II República , así como a reconstrución por promotoras privadas do arco de Quirós e o edificio en Elduayen 2 (este último cun orzamento de axuda pública de 92.800 euros por parte de Urbanismo) poñendo punto final ao lavado de imaxe deste punto céntrico da cidade [2] [3].

Fachada comercial de Elduayen

O obxecto desta reforma é a homoxeneización da fachada comercial de Elduayen, entre a rúa Abeleira Medéndez e as escalinatas da praza Arguelles. Para esta empresa cóntase co derribo de fachadas e o desmantelamento de dous locais comerciais de titularidade municipal os cales se sitúan fronte as escaleiras que dan acceso a praza de Arguelles. Destes dous locais, soamente un presenta actualmente actividade comercial, o cal será trasladado ao antigo baixo que albergaba o programa Sereos. Deste feito inténtase rehabilitar a fachada que da acceso ao barrio da Ferrería, “dinamizando” e “revalorizando a súa vez o eixo comercial de Elduayen, así como a praza de Arguelles. Pretendese unha vez máis lavar a cara do barrio a partir da súa posta en valor en termos exclusivamente económicos.

Todo isto responde a necesidade, xa fai un ano, do peche do local Sereos por parte do Concello, así como pola presión exercida a través da Asociación de Comerciantes y Empresarios da zona vella, pois a presencia na contorna da Porta do Sol de determinados sectores de poboación que eran usuarixs do programa de axuda social Sereos danaban a imaxe comercial e turística que, tanto o consistorio como as forzas  económicas, queren proxectar para esta zona da cidade. Por outra parte, esquécense por completo da rehabilitación das fachadas das vivendas na rúa Elduayen que presentan un alto perigo pola caida de cascallos, facilitando deste xeito o abandono dos inmóbeis en busca dun inversor privado.

Reforma da praza da Princesa

A reforma da praza da princesa ten como obxectivo ampliar o arbolado, a iluminación, repoñer o pavimento danado, así como a limpeza da fonte de pedra. Pero, é necesaria unha reforma integral da praza da Princesa?  Semella que esta actuación ten un fío de dobre gume, pois coa súa realización preténdese “limpar socialmente” a praza de todos os colectivos en risco de exclusión social que fan uso actual deste espazo público[4] . Deste xeito, durante os meses nos que se vai levar a cabo as obras, veranse na obriga de marchar a outros puntos da cidade tendo como resultado que no volvan á praza unha vez rematadas as obras. Para isto tamén influirá a presencia policial, moi destacada nesta praza e máis cando arriban transatlánticos a cidade, a cal está levando a cabo  un plan de prevención e disuasión exercendo presión e asoballamento a estes colectivos sociais a través das identificacións e multas continuas co obxectivo de que non rolden polo barrio [5] .