venres, 12 de setembro de 2014

A universidade chega á ribeira de O Berbés.

A Universidade de Vigo rehabilitará tres edificios de O Berbés para instalar a sede do seu Centro de Linguas grazas á cesión por 40 anos realizada polo Consorcio Casco Vello [1]. Esta medida ponse en marcha despois de que fracasara, ante o sector hostaleiro da cidade, o proxecto de construción de pequenos hoteis na ribeira do Berbés [2]. 

O Consorcio Casco Vello amosa unha vez máis a súa incapacidade de promover vivenda e locais comerciais como se comprometera en 2006 (400 vivendas e uns catrocentos locais)[3]. Este organismo só foi quen de promover unha ducia deles, resaltando o carácter de proxecto sobredimensionado e especulativo co que comezou a súa andaina alá no 2005. Con estas políticas, o Consorcio aposta pola saída fácil de entender o barrio como un colector de servizos de carácter xeral e renunciar ao uso residencial a favor dunha extrema terciarización. Un paso máis na lenta agonía do Casco Vello como espazo de encontro veciñal, de integración, de usos diversos e convivencia. 

Deste xeito, o Consorcio adicouse a mercar edificios ruinosos a prezo de mercado, favorecendo descaradamente a propietarios que incumpriron durante décadas o seu deber de conservación, en lugar de expropiar, rehabilitar e ceder en réxime de vivenda protexida de aluguer social. Pero será difícil convencer a alguén de que levar a sede da Universidade ao Casco Vello é unha medida contraproducente. En fin, a estratexia de rexeneración do Consorcio consiste na ausencia de toda estratexia. 

Fachada da Ribeira de O Berbés.

[1]http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/09/11/universidad-logra-cesion-tres-edificios/1091970.html 

[2] http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/02/03/consorcio-casco-vello-destinara-seis/959880.html 

[3] http://www.lavozdegalicia.es/hem.../2005/09/07/4049533.shtml