Amosando publicacións coa etiqueta exclusión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta exclusión. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de maio de 2015

Fanzine "Xentrificación. Exclusión e tranformación social na zona vella de Vigo"

Liberamos o fanzine "Xentrificación. Exclusión e transformación social na zona vella de Vigo", editado en parcería colaborativa entre Xentrificación Vigo e a distribuidora Lapsus e presentado durante as xornadas organizadas no pasado mes de marzo no C.S. a Revolta do Berbês. Esta pequena publicación intenta compilar, dun xeito resumido, as diferentes problemáticas que están tendo lugar na zona vella de Vigo por mor do proceso de transformación físico e social do barrio histórico Vigués. Este proceso de transformación atópase principalmente capitalizado por políticas activas de exclusión social levadas a cabo tanto pola Xunta de Galicia como polo concello de Vigo (sendo unhas das caras visíbeis deste proceso o organismo Consorcio Casco Vello de Vigo). Estas políticas responden unha vez máis a demandas e intereses de certos sectores privados e empresariais, apostando así por un modelo comercial e turístico do centro histórico da cidade que se esquece, borra e expulsa deste mapa "turístico e comercial" a todo sector poboacional de baixo recursos económicos.
 
O fanzine ten licencia copyleft polo que se agradece todo tipo de descarga, difusión, copia e pega, modificación, etc, co fin de de alimentar o discurso crítico deste proceso de transformación urbana tan excluínte. Polo tanto o obxectivo último desta publicación é a de repensarmos, dende o colectivo, en que tipo de cidade queremos vivir, argallando entre todas outras formas e xeitos horizontais de entender e vivir a cidade.



E por suposto agradecer a ilustradora Inés Casarejos polo deseño da portada e da figura do interior do fanzine.

sábado, 7 de marzo de 2015

Relatos da xentrificación polo Consorcio Casco Vello: "De Lupanar a Pinacoteca"

Que a misión do Consorcio Casco Vello sexa a de lavar a imaxe do barrio e transformalo socialmente está máis que clara, mais non deixa de ser abraiante e lamentábel que dende unha institución pública se faga uso dos seus medios de difusión para realizar unha apoloxía directa da exclusión social, coa clara intención de dividir a cidadáns de primeira e segunda categoría.

Neste caso referímonos as mulleres traballadoras do sexo da Ferrería, onde dende os xornais de maior tirada da cidade e dende as propias institucións, estase a realizar unha campaña de criminalización, referíndose a este colectivo coma a maior problemática do barrio, sen ofreceren unha alternativa real a estas mulleres ou tan sequera formularse a súa integración no barrio. A única medida que propoñen é a súa expulsión co fin de que o barrio poida "rexenerarse" socialmente dunha vez. Un exemplo podémolo atopar neste parágrafo extraído do blogue do Consorcio Casco Vello:

"la ocupación cultural de las casas de lenocinio, holganza y malvivir, que es lo que la rehabilitación ha conseguido en el barrio viejo vigués desplazando o licenciando a sus respetables señoras prostitutas"

Por que non hai un plan de intervención social coas traballadoras do sexo no barrio? Por que empregar un discurso estigmatizante e excluínte (e con certo ton de sorna)? Seica a intención última é a creación de relatos para a xeración dunha nova identidade (excluínte) do barrio. Do mesmo xeito que se intentou mudar o nome da Ferrería por Barrio Alto, para desligar así toda connotación que conceptualmente se tiña do barrio dentro do imaxinario Vigués, nun intento máis de reformular A Ferrería con fins especulativos, turísticos e comerciais.


Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Aquí tedes a entrada completa no blogue do Consorcio Casco Vello: