luns, 11 de agosto de 2014

A institucionalización da arte de rúa como proceso xentrificador

O concello de Vigo vai iniciar un programa de axudas específicas a propietarios de inmóbeis con paredes medianeiras á vista para que se animen a realizar intervencións artísticas nelas. A área de actuación será o centro da cidade co fin de “mellorar” o seu aspecto, converténdoa a través destas intervencións, nun atractivo máis que poida atraer o turismo. Conseguen así revitalizar o espazo urbano e potenciar, ao mesmo tempo, a marca cidade que estase a proxectar de Vigo cara o exterior.[1]

Estas subvencións de erario publico aos propietarios privados de inmóbeis contarán coa premisa de “publicidade”, “concorrencia” e “obxectividade”, polo que as rúas beneficiades serán aquelas que presenten maior tránsito no centro (comercial e turístico) da cidade, estabelecendo xa unha diferencia en recursos cos demais barrios e parroquias de Vigo, moitas delas con grandes necesidades e carencias en infraestruturas sociais. Ademais, formúlase a participación de empresas que poidan patrocinar ditas intervencións artísticas, “ofertando un espazo propio nos murais para deixar patente a súa colaboración”, privatizando máis os espazos públicos neste modelos de cidade neoliberal que están construíndo.

Isto é un claro exemplo de como a arte de rúa é institucionalizada converténdose nun actor clave nos procesos de xentrificación e especulación en barrios degradados i en edificios abandonados (como é o caso de Lisboa e outras cidades con procesos de xentrificación[2]). Non hai que esquecer que o consistorio Vigués ten política cero en canto as intervencións artísticas na rúa, onde a través da “Ordenanza Municipal reguladora da convivencia cidadá e de ocio” do 2009, estabelece multas de entre 300 a 750 euros, estando considerada estas intervencións artísticas como infraccións leves. Deste xeito, o colectivo graffitero que se atopa asoballado a través destas políticas e prácticas de control social, presentan agora un interese por parte do concello co fin de que axuden a “revitalizar” a imaxe de Vigo a través das súas obras, caendo nas lóxicas da hipocrisía do mercado.

Unha vez máis se amosa as continuas políticas que desde o concello estanse a realizar para deseñar unha cidade fachada orientada ao comercio, o consumo e ao turismo, obviándose das necesidades reais e sociais desta cidade.

Intervención na Panificadora [3], onde as políticas de cero de intervención na rúa do concello limparon os murais aos poucos días.