martes, 28 de xaneiro de 2014

Sobre o peche do local de "Sereos do Casco Vello" na rúa Elduayen


Se botamos unha ollada a todas as políticas e plans urbanísticos destes últimos 20 anos referidos á zona vella de Vigo, podemos observar que todos eles están orientados basicamente á remodelación e rehabilitación de edificios, así como a embelecer rúas e prazas co fin de dinamizar a zona en termos económicos e comerciais.

Este proceso de reforma, rehabilitación e planificación da zona vella comezou a mediados dos anos 90 ‒despois de décadas de abandono do barrio por parte das institucións‒, coa posta en marcha do plan europeo urban, orientado á reforma e rehabilitación de barrios deteriorados e en risco de exclusión social. Este plan repercutiu na zona vella de Vigo coa rehabilitación de edificios patrimoniais e singulares e coa dotación dalgunhas infraestruturas culturais.

Posteriormente, no ano 2005, creouse o Consorcio do Casco Vello que pretende dinamizar, dende entón, a zona a través da rehabilitación de edificios para vivenda, coa opción de compra e aluguer, e da reforma de locais comerciais. Coa creación do consorcio perséguese unha reforma integral do barrio a fin de que resulte atractivo o investimento de axentes privados que queiran habitar e/ou montar o seu negocio nas diferentes áreas da zona vella de Vigo. De feito, calquera negocio que se queira estabelecer nos locais rehabilitados polo consorcio, ten que pasar o visto e prace deste organismo, de tal xeito que encaixe no modelo de barrio que queren proxectar seguindo as estratexias neoliberais de planificación urbana, o cal, amosa o seu único interese empresarial no barrio.

Tendo en conta a centralidade que ocupa a zona vella na cidade de Vigo e a súa situación a carón do porto de transatlánticos, toda a área constitúe unha fonte enorme de turistas e de recursos económicos dos cales queren aproveitarse para a xeración de riqueza, tanto por parte do Concello como dos comerciantes da zona, vendo, unha vez máis, só polos seus propios intereses.

Pero que pasa con todos os grupos sociais que non encaixan neste modelo de barrio que queren impoñernos? O resultado é un proceso de xentrificación que provoca a expulsión e a exclusión de todos aqueles sectores poboacionais que até entón habitaban ou facían uso do barrio, sectores que non teñen a capacidade económica para consumir, vivir ou facer uso deste novo modelo de barrio que están a planificar dende as institucións.

Non hai que esquecer que o Consorcio do Casco Vello está constituído nun 10% polo Concello de Vigo e nun 90% pola Xunta de Galicia, polo que son estas mesmas institucións as responsábeis de expulsar a certos sectores da poboación cara a outras zonas da cidade ‒lonxe dos turistas e do resto da cidadanía que vai consumir no barrio‒, aumentando así a súa exclusión e estigmatización social. É dicir, aos ollos das institucións e dos comerciantes, estes sectores sociais constitúen unha molestia e estorbo, motivo polo que toman as medidas necesarias para desprazalos a outras zonas urbanas.

Estes sectores poboacionais do barrio son, principalmente, a comunidade xitana, as prostitutas, as persoas drogodependentes e os “sen teito” que, dentro destas estratexias de dinamización comercial do barrio, son afastados mediante decisións municipais. A expulsión tamén afecta a outros sectores que habitan o barrio que non dispoñen da capacidade económica para arranxar anos e anos de abandono dos edificios, situación derivada tamén da ausencia de servizos sociais básicos. En consecuencia, paulatinamente víronse e vense obrigados a mudarse a outras zonas da cidade en busca de maiores comodidades.

E é precisamente este lavado de imaxe a causa directa do peche do local da rúa Elduayen onde se estaba a desenvolver o programa Sereos. Dende o Concello xustificouse este peche co pretexto dos “recortes de axuda da Xunta”[1]. Nun primeiro momento aludiuse unha suposta falta de orzamento facendo, a partires dun drama social, un xogo político localista con fins partidistas, botándolle coma sempre a culpa de todos os males da cidade ao goberno do PP da Xunta[2].

Porén, a realidade é que a decisión final do cesamento do programa Sereos, na súa antiga sede da rúa Elduayen, corresponde directamente ao goberno municipal. O consistorio municipal actuou en función dos seus intereses políticos e as esixencias das asociacións de comerciantes, hostaleiros e parte da veciñanza que non querían que se desenvolvese o programa Sereos nesta zona céntrica, diante dos seus comercios, pola presenza de “numerosos indixentes conflitivos” e pola imaxe que se estaba a dar da cidade Vigo[3]. Así, aplaudiron a decisión municipal de trasladar Sereos a unha unidade móbil preto do actual albergue na rúa de Marqués de Valterra.

O traslado, a comezos do mes de agosto ‒cando o curso político estaba xa rematando e durante o paro vacacional propio do verán‒, supuxo a perda de eficiencia, calidade e confort do programa Sereos por falta dunhas instalacións fixas; problemas que se acrecentaron no outono e inverno, debido ao frío e á choiva. A decisión deste traslado provocou, ademais, a exclusión social e a estigmatización de todas as persoas usuarias que foron desprazadas a unha zona máis degradada e menos visíbel da cidade, en condicións máis precarias e perdendo calidade na atención das súas necesidades.

Despois dun outono de debate político no Concello, entre os diferentes partidos políticos ‒unha vez máis facendo xogo político a partir dun drama social‒, sobre o emprazamento e a necesidade de fixar un local permanente, o propio alcalde, nun momento de alarde de populismo, declarou o pasado 15 de xaneiro que xa existía unha sede na rúa Jacinto Benavente, moi preto do albergue de Marqués de Valterra[4], para levar a cabo o programa Sereos. De feito, nos medios locais se informaba de que o edificio destinado a sede, situado no nº 27 da referida rúa, xa estaba alugado e que nunhas semanas comezaría a ofrecer o servizo e atendería as persoas sen recursos[5].

A sorpresa foi que, ao día seguinte pola tarde, o programa Sereos ficaba de novo sen sede, debido a que a propietaria do inmóbel escollido asinara, a última hora, un contrato de venda cunha compradora[6]. Curioso resulta que todas estas medidas ‒rápidas e mal feitas‒ de asignación dunha nova sede se produciran xusto nos días nos que estaba convocada unha concentración diante do Concello para esixir a reapertura do local da rúa Elduayen[7]. Tamén destacan as escusas dadas nun primeiro momento, ao afirmar que o peche do local se debía á falta de orzamento, pois agora tiñan a intención de alugar e reformar un novo edificio, cos custos que iso ocasiona.

Polo tanto, enténdese que a decisión de pechar o local responde a unha estratexia de lavado de imaxe do barrio, onde institucións e comerciantes acordan decisións conxuntas nas que se lle dá máis importancia aos asuntos económicos e políticos que aos asuntos sociais, primando os seus beneficios económicos e carreiras políticas antes de asumir unha realidade social presente nas nosas rúas; realidade que queren excluír trasladando a estas comunidades afectadas a zonas degradadas e afastadas do centro da cidade. Deste xeito, os diversos colectivos sociais da cidade de Vigo esixen a reapertura da sede na rúa Elduayen, xa que o local está listo e habilitado para dar atención a todas as persoas usuarias, tal como estaba a desenvolver a súa actividade antes do mes de agosto.
 
 
Referencias:

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Mesa Redonda: "Expulsados. Xentifricación i exclusión social na zona vella de Vigo".

Martes 28 xaneiro ás 19:30h. na Oficina Municipa de distrito do Casco Vello r/ Oliva,12

Interveñen: ANGEL LOPEZ, activista e ANA BELÉN IGLESIAS, responsable do traballo de campo do programa SEREOS (2004-2006)



Organiza: Grupo Imán.

FOTOS:









xoves, 23 de xaneiro de 2014

A especulación en Vigo desatada


Volta Karpin e os seus socios contra o barrio do Cura:

Karpin aparece cun novo inversor ruso e O BBVA suspende as dúas poxas por valor de máis de 18 milóns, ao considerar que o interesado é fiábel e solvente, e o proxecto aínda é viábel. O informe de Patrimonio da Xunta, clave para que a operación inmobiliaria saia adiante.


Fantasías do Faro de Vigo sobre por qué é maravilloso o pelotazo de Porto Cabral e o mal que o fan en Coruña 

Mentres en A Coruña fracasa o megacentro Dolce Vita, que pecha aos cinco anos da súa apertura, os fondos apostan por invertir en Vigo 500 millóns en Porto Cabral como capital da Eurorrexión.

mércores, 22 de xaneiro de 2014

"La gente rula" (Gasteizko alde zaharreko blog bat)

Este é un interesante blogue sobre o casco vello de Gasteiz http://lagenterula.wordpress.com/, no que inclúen iniciativas para manter vivo o tecido social, fronte a xentrificación e explotación do barrio, así como artigos e traballos máis teóricos sobre a xentrificación no mesmo.

Por exemplo o que se pode ler neste pdf:

martes, 14 de xaneiro de 2014

Xoves 16: Presenza indignada de Imán diante do concello



O vindeiro xoves 16 de xaneiro o colectivo Imán co apoio da comunidade do Cristo da Victoria convoca un acto pola reapertura do local de Sereos do Casco Vello.



O farán a través dunha presenza indignada diante do concello durante toda a mañá. Dende as 9h00 ata as 14h00. A partires das 11h30 haberá unha concentración que logo dará paso á lectura do manifesto.


Para amosar o seu rexeitamento ao “xogo imprudente” que alcalde e concelleira de benestar social están a facer con este asunto sacaranlle cartón amarelo.


Imaxes do acto:




Achegamos a nova publicada no xornal La Voz de Galicia que explica como nos días posteriores perdeuse a posibilidade de abrir o local de Sereos en Jacinto Benavente:

O Concello de Vigo perdeu hoxe o local no que estaba previsto a instalación do servizo de Sereos, para persoas desfavorecidas e con problemas de drogadiccións. A firma do convenio íase producir inicialmente no día de onte pero pouco antes a propietaria do local, situado na rúa Jacinto Benavente, informou que un particular llo comprou.

O baixo levaba dous anos á venda e era coñecido como Casa Argibay. A fundadora de Érguete, Carmen Avendaño, mostrou a súa decepción con esta situación despois de tantos meses de loita para lograr unha sede para o programa. Sereos quedou sen un espazo fixo o pasado mes de agosto e houbo que atender aos usuarios nunha furgoneta en Beiramar.

Avendaño expresou a súa dúbida de que a propiedade teña sido comprada xusto nese momento e asegurou que seguirá loitando por lograr unha localización fixa.


E máis informacións ao respecto 





venres, 10 de xaneiro de 2014

Artigos sobre a especulación e os pisos baleiros en Vigo





Un par de artigos para contextualizar a especulación que todavía persiste en torno ás vivendas baleiras na cidade de Vigo:




"Cando nestes día a PAH de Vigo-Tui e Baixo Miño protestaba ante o Concello pola situación de Analía Méndez, sinalaba con frecuencia ao evidente paradoxo de que esta e outras familias poidan quedar na rúa, sen acceso posible a inmoble ningún, cando só no termo municipal vigués hai máis de 18 mil vivendas baleiras. A situación repítese en toda Galicia, onde segundo as cifras do Censo do INE correspondentes a 2011 hai case 300 mil vivendas baleiras (299.396)."


"Milleiros de persoas perderon a súa vivenda nos últimos anos, ou están en perigo de perdela, ben por non poder pagar as cotas da súa hipoteca, ben por non poder enfrontar o custe do aluguer. O caso da viguesa Analía Méndez e as súas dúas fillas de 10 e 15 anos é só un de tantos, dramático en si mesmo, pero que ademais serve para chamar a atención sobre un dos grandes problemas da actualidade, cunha incidencia moi importante en Vigo e comarca."