A xentrificación é un proceso de transformación urbana que dá lugar á rexeneración de barrios tradicionalmente degradados e abandonados polas institucións. Estes barrios adoitan ser os centros históricos das cidades, que son aproveitados polos axentes financeiros, os construtores e os propietarios para facer negocio con eles. Isto provoca o desprazamento da poboación con menos recursos desta área a outras zonas da cidade e, á súa vez, o barrio convértese nun atractivo para a poboación con maiores recursos económicos e para o turismo. Deste xeito, as políticas urbanísticas subordínanse a estes axentes económicos que converten os centros urbanos en espazos para ser consumidos, creándose así unha marca de cidade potencialmente vendible ao turismo producindo o fenómeno que se coñece como tercialización. Este fenómeno afecta os países desenvolvidos nos cales se pode observar unha caída considerable do traballo no sector secundario (sector industrial) aumentando aqueles traballos orientados ao sector terciario (consecuencia directa da deslocalización da industria a países en desenvolvemento).
Polo tanto, no recoñecemento dun proceso de xentrificación cómpre ter en conta varios eixes principais: abandono, revalorización e chegada de capital privado. Desta forma, temos unha área da cidade tradicionalmente en estado de abandono e degradación por parte das institucións competentes, que provoca no resto da cidadanía unha sensación de inseguridade aparente dentro delas. A continuación, lévanse a cabo políticas orientadas á rehabilitación e dinamización desas áreas, facendo que resulten atractivas á entrada de capital privado, orixinando a paulatina substitución da poboación desa área (xeralmente de poucos recursos económicos) por outra de maior poder adquisitivo atraída polas novas oportunidades e a nova posta en valor do barrio.
Este proceso pódese observar na case totalidade do barrio da Zona Vella. O barrio sufriu o abandono durante anos por parte do concello provocando unha degradación dos tecidos e os servizos sociais do barrio e facendo desta unha área moi pouco atractiva para o resto da veciñanza de Vigo. Hoxe en día, o concello e a Xunta de Galicia, a través do Consorcio do Casco Vello, están a impulsar políticas de rehabilitación e dinamización do barrio mediante a compra de inmobles e locais que, tras a súa recuperación, se ofrecen a baixo custo co obxectivo de lavar a imaxe do barrio para facelo máis atractivo ao consumo e ao resto da poboación. Pero isto ten un dobre gume, xa que o fin último é facer atractiva a entrada de capital privado, de construtoras e demais axentes financeiros, os cales procurarán facer negocio especulativo no barrio da Zona Vella (un claro exemplo é o barrio da Ferrería, o Berbés ou o barrio do Cura).
Todas estas políticas producen o desprazamento das persoas con menos recursos que habitan no barrio sen existir unha solución real a un problema estrutural da sociedade, como é o caso das persoas drogodependentes, as prostitutas e os senteito da Zona Vella. Por un lado, o concello pechou o local Sereos, que ficaba na rúa Elduayen, para atención á drogodependencia co pretexto da falta de orzamento debido aos recortes. Máis lonxe da realidade, instalouse unha unidade móbil provisional que acabou integrándose no albergue municipal de Marques de Valtierra, sen nomear nesta nova apertura a falta de orzamento, que era o motivo aducido para pechalo na rúa Elduayen. O peche provocou certa contestación por parte de diversos colectivos sociais da cidade, mentres que «Las asociaciones de vecinos, comerciantes y hosteleros consideran que el barrio "no es la ubicación adecuada por su impacto"», tal como declaraban no Faro de Vigo o 7/09/2013. Isto deixa claro os intereses económicos que existían detrás desta decisión política do peche do local na rúa Elduayen, co obxectivo de desprazar a un conxunto da poboación viguesa que non resultaba atractiva ao comercio e ao turismo que intentan impulsar no barrio histórico de Vigo.
Outra medida de limpeza de cara do barrio é o labor que está facendo o Consorcio coa compra de prostíbulos no barrio da Ferrería, non deixando de saír noticias nos xornais de maior tirada na cidade a favor da diminución da prostitución no barrio. Porén, trátase dunha medida para mellorar a imaxe do barrio alto da Zona Vella, sen poñer unha solución real ás prostitutas que se verán na obriga de desprazarse a outras zonas da cidade para desempeñar o seu labor na rúa e en zonas que non se constitúen como atractivas para o turismo e o proceso de tercialización que queren fomentar no centro da cidade.
Desta forma estase a realizar, por parte do Concello e da Xunta de Galicia, unha división da poboación entre cidadáns de primeira categoría, posuidores duns recursos económicos que lles posibilitan consumir e habitar no barrio, e cidadáns de segunda categoría, que se verán forzados a marchar a outras zonas da cidade.
Neste proceso non hai que esquecer a especulación urbanística e inmobiliaria que leva consigo. Un exemplo claro é o barrio do Cura, mercado na súa totalidade por un exfubolista co fin de especular co terreo. Outro exemplo, a menor escala, é a reforma do mercado do Berbés que proxecta elevar un andar máis na edificación (pechando máis aínda Vigo ao mar); o obxectivo da remodelación é instalar nese espazo unha terraza hostaleira de capital privado (feito que provocou a mobilización da veciñanza do barrio por tratarse dunha zona protexida acusticamente). Outra medida especulativa é a construción, prevista para o vindeiro ano, −agora se están a realizar as catas arqueolóxicas− dunhas escaleiras mecánicas que conecten a Porta do Sol coa zona alta do centro histórico, co obxectivo de dinamizar a zona e gastándose deste xeito un millón de euros (mentres tanto na cidade carecemos dun bo sistema de transporte público ou do tan demandado carril bici).
Con isto cabe non deixar pasar algunhas cuestións como: que se persegue con este proceso de dinamización do barrio?, que intereses económicos hai detrás destes procesos?, quen está a especular detrás da compra de inmobles?, que se intenta separando a cidadáns de primeira e segunda categoría dentro do barrio (se es unha familia feliz, benvida, pero como sexas prostituta ou persoa sen recursos, molestas)?, como se permitiu por parte do concello chegar á situación de degradación de todos estes anos?, que solucións se están a dar ás prostitutas do barrio da Ferrería? En fin, como sempre neste sistema quen máis vale é quen máis ten, condenando a unha vida de precariedade as persoas que menos recursos teñen para sobrevivir.