sábado, 5 de marzo de 2016

Charla + debate na casa da Cultura de Cangas

O vindeiro día 11 de marzo terá lugar, ás 19:00h na casa da cultura de Cangas, unha charla-debate sobre os procesos de xentrificación na zona vella de Vigo. Organiza o colectivo "acracia Morrazo". Haberá tamén exemplares do fanzine "Xentrificación: transformación e exclusión social na zona vella de Vigo",  para quen queira facerse cun exemplar.

"A través dunha breve introdución realizarase un achegamento aos conceptos de cidade marca e procesos de xentrificación dentro da dinámica da cidade neoliberal. Analizaremos a modo de exemplo estes procesos na rehabilitación da zona vella de Vigo, identificando os procesos, as consecuencias e os actores implicados nel."

Agardámoste!!



mércores, 25 de novembro de 2015

Xornadas na Galleira: de que falamos cando falamos de xentrificación?

Os vindeiros días 4 e 5 de decembro terá lugar no centro social A Galleira de Ourense a interesante xornada titulada ''de que falamos cando falamos de xentrificación?''. Ademais de introducirmos nos conceptos de xentrificación, cidade liberal e cidade marca tan presentes na especulación das nosas cidades e dos nosos barrios, partillaremos entre todas diferentes experiencias para identificar estes procesos na cidade de Ourense. Para isto haberá palestras, proxeccións, debates e un roteiro pola zona vella guiado pola asociación A Bela Auria. Velaquí vai a programación completa e o cartaz do evento:

Venres 4 de decembro

19:00h Presentación das xornadas co colectivo Xentrificación Vigo
19:30h Proxección de documentais do colectivo Left Hand Rotation
              - Ficción inmobiliaria (21' 39'')
              - Luz (24' 37'')
20:30h Palestra Xentrificación Vigo: introdución ao concepto de cidade neoliberal, cidade marca e xentrificación.

Sábado 5 de decembro

11:00h Roteiro Guiado: Hai xentrificación na zona histórica? (coa Bela Auria)
13:30h Vermú na zona histórica. Praza do Sol.




Agardámosvos na Galleira (Praza San Cosme, Ou) os días 4 e 5 de decembro!
Até xa!

domingo, 27 de setembro de 2015

Libro: "El mercado contra la ciudad. ‪Globalización‬, gentrificación‬ y políticas urbanas‬"

Compartillamos o libro "El mercado contra la ciudad. ‪Globalización‬, gentrificación‬ y políticas urbanas‬", editado por Tranficantes de Sueños, onde se contextualiza os procesos e políticas de rehabilitación e tranformación dos barrios desde unha perspectiva neoliberal e globalizada. Pódese decarregar o libro de balde desde a páxina de Traficantes de Sueños, ou ben mercalo ou facer un donativo.


Ligazón ao pdf do libro: http://traficantes.net/sites/default/files/pdfs/map41_gentrificacion_web.pdf

"De Tahrir a Sol, de Sintagma a Liberty Park, de México a Brasil, nos últimos anos cidades de todo o planeta foron testemuña de revoltas, acampadas e mobilizacións. Estes actos son a expresión dun rexeitamento a que a vida sexa transformada nunha mercadoría intercambiable no Mercado. Xa sexa desde as prazas máis emblemáticas ou desde as periferias sistemáticas abandonadas, as recentes irrupcións sociais e políticas semellan querer demostrar que a revolución do século XXI será urbana ou non será. 

Neste volume reúnense algúns dos traballos clásicos dos estudos urbanos críticos (Tom Slater, Loïc Waquant, Harvey Molotch, Neil Brenner, Jaime Peck, Neil Smith, entre outros). O seu foco de interese é duplo. Dunha parte, recóllense algunhas contribucións esenciais sobre os procesos de xentrificación e coma esta comprendeuse desde o ámbito académicos. Doutra, estes análises enmárcanse dentro do contexto máis amplo da globalización e do tipo de urbanismo que lle vén asociado. O resultado é un volume que trata de servir á compresión do territorio urbano como espazo de conflito nun mundo que, semella, volveuse a axitar. 

Entre os autores incluídos neste volume, atópanse algúns dos mellores expoñentes dos recentes estudos urbanos críticos: Neil Brenner e Nik Theodore, sociólogo o primeiro e urbanista o segundo; Harvey Molotche John Logan, autores do libro da cidade como «máquina de crecemento»; Rosalyn Deutsche, historiadora e crítica de arte da Universidade de Columbia; Jamie Peck, un dos xeógrafos urbanos máis relevantes a día de hoxe; Tom Slater tamén xeógrafo da Universidade de Edimburgo; Neil Smith, seica o principal teórico sobre a xentrificación e o coñecido antropólogo Loïc Wacquant."

[Jornal Mapa] Xentrificación na Zona Vella de Vigo?


Vigo é a cidade máis grande de Galicia, onde a actividade industrial continúa a ser o principal sector económico, aínda que se lle está a dar un importante pulo ao turismo e o comercio. O territorio municipal, bañado ao norte polo Atlántico, estrutúrase en tres grandes coroas. A máis externa, formada polas parroquias máis rurais, unha de transición e unha central formada polos barrios máis urbanos e que concentran a maioría da poboación. Nesta coroa máis interna atópase a zona vella da cidade, que corresponde, aproximadamente, ao núcleo preexistente que quedou rodeado polas murallas construídas a mediados do s. XVII para defender a cidade dos saqueos e que foron derrubadas apenas dous séculos despois.

A comezos do s. XX redactáronse diferentes plans, non executados, para a remodelación (baixo o principio de tabula rasa) e “hixenización” desta zona vella, unha idea presente aínda nos plans urbanísticos de comezos dos 70’. Porén, xa na década seguinte e nos 90’ apareceron novos plans cunha suposta visión máis respectuosa coas caracterísiticas sociais, históricas, arquitectónicas e urbanas e unha maior apertura á participación veciñal. Porén, na realidade, aínda que mediante o plan URBAN europeo se fixeron algunhas intervencións de caracter social, os plans de rehabilitación centráronse en urbanizar rúas e recuperar algún edificio destacado, deixando de lado as esixencias veciñais de axudas para a rehabilitación interior de vivendas, creación de equipamentos e intervencións para solucionar os problemas de infravivenda, paro e pobreza presentes no barrio.

Uns anos despois, no 2005, créase o Consorcio do Casco Vello. Este organismo, formado pola Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia (nun 90%) e o Concello de Vigo (nun 10%) ten como principal finalidade “servir de motor no proceso de rehabilitación integral do centro histórico da cidade viguesa”. Na práctica porén, esa rehabilitación”integral” limítase, basicamente, a mercar ou expropiar inmobles, rehabilitalos e devolvelos ao mercado en réxime de aluguer ou de compra e crear as condicións necesarias para facer do barrio un lugar máis atractivo para un novo tipo de habitantes, para o investimento privado e para o turismo. Xa non aparece o interese no social nin sequera na propaganda.

Se nos fixamos nos datos, o Consorcio ten mercado na zona vella de Vigo 70 inmobles, dos que, polo de agora, 40 foron rehabilitados para uso habitacional e comercial e outros 10 transmitidos a outras institucións. En canto ao primeiro uso, isto traduciuse na creación de 91 vivendas, das que 3 ou 4 se reservaron para realoxos, mentres 74 foron destinadas á venda (con prezos entre 67.000 e 109.000€ para pisos cunha única habitación e un máximo de 68m2) e o resto (apenas unha ducia) para aluguer. Un aluguer supostamente “social”, pero reservado só a xente nova (menores de 35 anos) e cun certo nivel de ingresos fixos, condicións a día de hoxe nada fáciles de cumprir (Galiza ten una taxa de paro xuvenil superior ao 21%, máis do dobre da media europea). Hai que ter en conta, ademais, que a intervención do Consorcio fixo que tan só tres anos despois da súa creación, os alugueres e o valor do prezo das vivendas, no conxunto da zona vella, aumentasen un 150%.

Pero non só a través do acceso á vivenda se selcciona o novo tipo de habitantes desexados para esta nova zona vella. Tamén as actividades comerciais que poden acceder aos locais rehabilitados para esta fin (uns 20 polo de agora) son directamente escollidas polo Consorcio. Polo de agora, tendas de roupa “punk”, tendas de fotografía, estudos de arquitectura, tendas de produtos ecolóxicos e locais de hostalería.

Finalmente, os edificios destinados a outras institucións foron ocupados polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, a Oficina de Notificación de Embargos da Xunta de Galicia e o Museo de Fotografía do Concello de Vigo.

O escenario é, polo tanto, o dunha zona histórica degradada ao longo do tempo: o desenvolvemento industrial de mediados do s.XX, que atraeu ademais gran cantidade de poboación migrada doutras zonas de Galicia, que foi necesario reubicar mudando a distribución poboacional no municipio, xunto ao forte desenvolvemento urbano, foron alonxando o centro funcional da cidade do que era a antiga zona amurallada. Aquelas persoas que podían permitirse o gasto deixaron o barrio vello, onde o acceso con vehículos era compliado ou imposible, non existía transporte público, as vivendas eran antigas, en moitos casos pequenas e os equipamentos case nulos, para mudarse a lugares onde, a priori, disfrutarían de maiores comodidades. O abandono por parte do concello desta zona e a degradación das vivendas pola por falta de recursos dos propietarios nalgúns casos, e noutros por unha visión especuladora que buscaba a declaración de ruína, retroalimentou este exilio silencioso. Deste xeito, o barrio quedou envellecido e empobrecido, con núcleos de prostitución de burdel e, a partir dos anos 90, de consumo e venta de drogas.

Neste contexto de abandono, mitigado lixeiramente polos plans de rehabilitación de finais dos 90, entra en escena o Consorcio. Coa súa actuación, favorece a entrada de novos habitantes (xóvenes e de certo poder adquisitivo), novos negocios cunha clara orientación a un determinado público e ao turismo, e instalación de infraestruturas culturais e administrtivas. Todo isto cuberto por unha forte campaña publicitaria.

Pero por se estas actuacións non implicaban unha substitución da antiga poboación “marxinal” o suficientemente rápida, acompáñanse da expulsión directa das prostitutas mercando e pechando os burdeis onde exercían, da poboación xitana tamén mediante a compra e peche das vivendas que ocupaban e de toxicómanos e persoas sen fogar eliminando o centro de asistencia do que dispuñan no barrio e impondo unha forte presenza policial.

Como vemos, temos ante nós o proceso de abandono-revalorización-expulsión-substitución (por unha nova poboación de maior poder adquisitivo) que caracteriza os fenómenos de xentrificación (neste caso mediado por institucións públicas), que ata o de agora nos parecían exclusivos de grandes cidades máis ou menos lonxanas como Barcelona, Bilbo ou Lisboa e que, desgrazadamente, polo de agora, non teñen que enfrontar unha oposición veciñal global que vaia máis aló da crítica a certas actuacións.

Praza da Princesa, Vigo
[1] Este termo foi creado pola socióloga Ruth Glass para definir o proceso de expulsión da poboación pobre de certos lugares de Londres pola creación de guetos de clase alta. Dende os anos 80 tense dado dentro da academia un vivo debate arredor deste concepto; cales son as súas orixes, axentes implicados, diferentes tipoloxías, etc. Pero foi sobre todo dende principios do século XXI, no noso entorno máis próximo, cando os movementos sociais comezaron a integralo no seu discurso, co obxectivo de analizar e denunciar un proceso que estaba observando xa de xeito directo.

Artigo orixinal no Jornal Mapa ==> http://www.jornalmapa.pt/2015/07/20/xentrificacion-na-zona-vella-de-vigo/

mércores, 8 de xullo de 2015

Xentrificación Vigo no Jornal Mapa

Xa está a venda a 10ª edición do Jornal Mapa, onde ademais de atopar artigos moi moi interesantes de información crítica, publícase un pequeno texto sobre o proceso de ‪‎xentrificación‬ en Vigo. Tamén podes botarlle un ollo á sección de Cidade, habitação e resistencia, unha compilación de artigos sobre o dereito a vivenda e xentrificación en diversas cidades de Portugal e da Europa. Ademais no  número 2 publícase un caderno titulado "Cidades: reabilitar e renovar... para quem?" cunha visión sobre diferentes procesos especulativos  nas cidades de Porto, Rio de Janeiro, Coimbra e Lisboa.

Máis que obrigadxs pola colaboración amigxs do Jornal Mapa.

e avante a loita polo dereito á cidade!!!

PD/ Se estades en Vigo e queredes conseguir un exemplar podedes poñervos en contacto coa distribuidora Lapsus. Para máis pontos de distribución na Galiza o mellor é poñerse en contacto cxs amigxs do Jornal Mapa.

domingo, 28 de xuño de 2015

Xentrificación "gayfriendly": compilación de ligazóns

Estes días o barrio vello de Vigo tinguiuse de protesta coas cores do arco da vella grazas ás compas da Asociación Nós Mesmas. Por iso, co gallo do 28 de xuño queremos compartillar unha serie de ligazóns sobre procesos de xentrificación e comercialización de barrios realizados a través da venda directa de identidades sexuais LGTBI como un produto máis. Estas medidas ocasionan a revalorización directa de barrios coa participación de lobbis empresariais, á vez que actúan políticas activas por parte das institucións que impulsan medidas de marketing urbano "gayfriendly". O obxectivo é claro: atraer turismo e "dinamizar comercialmente" barrios degradados cun modelo de negocio moi determinado baseado no capitalismo rosa. Castro en San Francisco, ou Chueca e o Gaixample en Madrid e Barcelona son bos exemplos destes procesos.

- https://www.diagonalperiodico.net/antigua/pdfs33/12y13diagonal33-web.pdf
- https://orgulloesprotesta.wordpress.com/2013/07/06/gentrificacion-y-mercantilizacion-de-identidades-por-el-mismo-precio-en-el-barrio-de-chueca-3/
- https://www.diagonalperiodico.net/blogs/vidasprecarias/seguimos-con-suenos-barrio.html
- http://praza.gal/opinion/2613/mais-um-28-de-junho/
- https://www.diagonalperiodico.net/psoe-y-pp-apuestan-por-orgullo-empresarial.html
- https://www.diagonalperiodico.net/especiales-sin-clasificar/salto-hacia-nuevas-marchas.html
- https://codigo288.wordpress.com/2011/06/21/orgullo-gay-el-28-j-y-el-capitalismo-rosa/
- http://www.juridicas.unam.mx/publica/librev/rev/nuant/cont/76/cnt/cnt3.pdf


"Nosos dereitos non son un negocios". Cartaz protesta contra a comercialización e xentrificación no barrio de Chueca.

sábado, 30 de maio de 2015

Fanzine "Xentrificación. Exclusión e tranformación social na zona vella de Vigo"

Liberamos o fanzine "Xentrificación. Exclusión e transformación social na zona vella de Vigo", editado en parcería colaborativa entre Xentrificación Vigo e a distribuidora Lapsus e presentado durante as xornadas organizadas no pasado mes de marzo no C.S. a Revolta do Berbês. Esta pequena publicación intenta compilar, dun xeito resumido, as diferentes problemáticas que están tendo lugar na zona vella de Vigo por mor do proceso de transformación físico e social do barrio histórico Vigués. Este proceso de transformación atópase principalmente capitalizado por políticas activas de exclusión social levadas a cabo tanto pola Xunta de Galicia como polo concello de Vigo (sendo unhas das caras visíbeis deste proceso o organismo Consorcio Casco Vello de Vigo). Estas políticas responden unha vez máis a demandas e intereses de certos sectores privados e empresariais, apostando así por un modelo comercial e turístico do centro histórico da cidade que se esquece, borra e expulsa deste mapa "turístico e comercial" a todo sector poboacional de baixo recursos económicos.
 
O fanzine ten licencia copyleft polo que se agradece todo tipo de descarga, difusión, copia e pega, modificación, etc, co fin de de alimentar o discurso crítico deste proceso de transformación urbana tan excluínte. Polo tanto o obxectivo último desta publicación é a de repensarmos, dende o colectivo, en que tipo de cidade queremos vivir, argallando entre todas outras formas e xeitos horizontais de entender e vivir a cidade.



E por suposto agradecer a ilustradora Inés Casarejos polo deseño da portada e da figura do interior do fanzine.