sábado, 3 de maio de 2014

Especulación vertical no Barrio do Cura


O proxecto inmobiliario do Barrio do Cura, levado a cabo pola promotora Karpin & Asociados, responde unicamente a un proceso especulativo de interese privado que conta co beneplácito público tanto da Xunta como do concello de Vigo. A promotora xa ten todos os vistos e praces e o proxecto está avaliado polo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ‒informe de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente e pola Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello. A promotora prevé a construción de 350 vivendas e dun centro comercial de 12.000 m2, cuxas obras poderán iniciarse xa legalmente en calquera momento, unha vez remataren os acordos entre os bancos acredores e os investidores privados. [1],[2]e[3]

O Barrio do Cura atópase nun lugar privilexiado, xa que ocupa un espazo central na cidade de Vigo, outorgándolle un gran valor engadido ao terreo. Ademais, atópase ao carón da zona vella e do porto de transatlánticos, polo que complementa o proceso especulativo de rehabilitación que está tendo lugar no resto da zona vella da cidade. 

No Barrio do Cura non hai en si mesmo un proceso de xentrificación e rehabilitación das vivendas, senón que este plan urbanístico é causa dun proceso de especulación e boom inmobiliario que non responde ás necesidades reais da sociedade viguesa. A súa construción provocaría a revalorización e o aumento do valor das vivendas circundantes, incrementando deste xeito o prezo das vivendas e dos alugueiros no resto da zona vella e, isto, á súa vez, agudizaría o proceso de xentrificación e revalorización das vivendas en toda a zona.

Toda esta deriva especulativa no centro da cidade pode servir para cuestionarmos outras formas de facer cidade, formas onde exista unha maior participación cidadá e onde a recuperación dos espazos públicos sexa o factor principal. Tendo en conta que en Vigo existen máis de 18.000 mil vivendas baleiras[4], a construción de 350 no Barrio do Cura non responde a unha necesidade real da cidade, senón que unicamente responde a un proceso especulativo onde a veciñanza do barrio non participa activamente na toma de decisións. Unha vez máis todos estes plans urbanísticos son decididos polas promotoras, as construtoras e os grupos de investimento, cuxo único fin é o seu beneficio privado en detrimento dos intereses comúns da cidadanía. 

Á súa vez, a construción dunha gran superficie de compra contradí a imaxe comercial do barrio vello que o Consorcio está a deseñar, pois este organismo está favorecendo a chegada ao barrio de pequenos negocios locais moi especializados (a rúa Abeleira Menéndez é un claro exemplo). Polo tanto, a apertura dun centro comercial provocaría na área un polo de atracción do consumo que desfavorecería o pequeno comercio, tanto o novo que se está instalando no barrio como o comercio máis tradicional ou menos especializado. Alén diso, ao situarse tan preto do centro comercial A Laxe, deixa claro unha vez máis o modelo de negocio de gran superficie que se quere impoñer no centro da cidade. 

Ao mesmo tempo, a construción de pisos de até 7 andares racha literalmente a integración urbanística e paisaxística dentro da contorna do barrio vello, aspectos que están sendo moi considerados en todo o proceso de rehabilitación nas actuacións levadas a cabo, tanto polo Consorcio como polos particulares, no resto da zona vella de Vigo.

Tendo en conta a falta de espazos verdes na cidade e a gran cantidade de pisos baleiros existentes, podería propoñerse como alternativa habilitar un parque na zona central do barrio do Cura ou dotar o terreo de hortas urbanas ‒proxecto en marcha dende a ocupación das leiras do barrio en 2011‒ posibilitando unha ampla participación cidadá. Este proxecto hortícola facilitaría grupos de consumo  permitindo achegar e fortalecer as relacións veciñais e favorecendo o autoconsumo, escapando así da lóxica do capitalismo máis feroz. Tamén se poden crear espazos comunais nos edificios abandonados a rehabilitar, como por exemplo, centros sociais para o barrio, centros de saúde, bibliotecas, ludotecas para as crianzas, auditorio ao aire libre etc. Deste modo, converteríase o centro da cidade nun espazo verde e de encontro, salvando á súa vez o patrimonio material e inmaterial, pois non hai que esquecer que os terreos do Barrio do Cura estiveron sempre ligados ao cultivo que fornecía a cidade de Vigo. Crearíase, pois, un espazo comunitario, verde e cunha ampla participación da veciñanza, salvando o Barrio do Cura das masas de formigón que a empresa promotora Karpin & Asociados, co visto e prace do Concello, quere construír cun único fin especulativo para o seu beneficio privado.

Queremos parques e non pisos de sete andares!!


Ligazón de interese:









venres, 2 de maio de 2014

O márketing da "Ferrería guai"

Un exemplo claro de marketing urbano atopámolo no barrio da Ferrería co roteiro programado para o vindeiro 3 de maio chamado: "O Barrio Alto: historia, arte, arquitectura." 

É particularmente salientábel como se proxecta, dende os intereses económicos e políticos, a idea de barrio vivo, cheo de arte e boa arquitectura creando unha imaxe do barrio lista para ser consumida, obviando a realidade social de todas as habitantes que aínda viven nos edificios non rehabilitados ou a expulsión das prostitutas, que polo feito da súa profesión xa non reciben o trato humano que tamén precisan. Todo isto mudando o nome de Ferrería polo de Barrio Alto como estratexia de marketing para non asociar o novo “barrio das artes" coa imaxe de "abandono" da zona destas ultimas décadas por parte das institucións e propietarios.

mércores, 30 de abril de 2014

Documental “Bye Bye Barcelona”

Compartimos o interesante documental Bye Bye Barcelona sobre a presión que exerce o turismo de masas na cidade de Barcelona e como este provoca a tematización dos seus barrios máis singulares, dando lugar a un proceso de xentrificación neles. 

Aínda que as diferenzas entre a cidade Condal e Vigo son moi notábeis, o documental vén ben para exemplificar as consecuencias sociais que provocan as políticas dos concellos neoliberais onde soamente tense en conta os factores económicos e onde non existe unha participación directa na toma de decisións por parte da veciñanza, desatendendo deste xeito os intereses comunitarios e de ben común. 

Un claro exemplo está acontecendo no barrio vello de Vigo, onde as políticas de rehabilitación e dinamización do concello e do consorcio encamíñanse para crear unha marca de cidade que poida venderse ao turismo e ao consumo, onde prima máis na toma de decisións a presión que exercen as asociacións de empresarios e comerciantes, que as necesidades reais de atención social para determinados sectores da poboación que viven nel, como é o caso das prostitutas, os senteito ou os drogodependentes que ficaron fora do barrio co peche do local do programa Sereos. 

Deste xeito conseguen revalorizar o barrio en termos económicos dentro da dinámica neoliberal imposibilitando o acceso a vivenda a gran parte da poboación, polo que se provoca a xentrificación de toda a área, expulsando así a parte da súa poboación e substituíndoa por outra de maior poder adquisitivo.


“Bye Bye Barcelona" é un documental acerca da cidade e a súa relación co turismo, acerca da difícil convivencia entre Barcelona, barceloneses e o turismo e os turistas. É un documental que expón, da man dalgúns dos seus moradores, os graves efectos que o turismo masivo ten na cidade condal. 

Barcelona non é unha gran metrópolis, pero pode presumir de ser a cuarta cidade con maior turismo na Europa tras tres grandes capitais como Londres, París e Roma. O seu porto é o que máis cruceiros recibe de Europa e do Mediterráneo. Os Barceloneses viron como, escasamente unha década, a cantidade de turistas triplicouse e ao economía xirou ate o servizo turístico e explotando un patrimonio construído por xeracións anteriores.

A ninguén se lle escapa que o turismo é unha fonte de ingresos enorme para Barcelona e para algúns dos seus cidadáns, que non ten reparo en traer cada vez máis turistas sen pensarse nas graves consecuencias que elo conleva. Perdéronse espazos emblemáticos da cidade a favor dun turismo masivo, que cada vez desgasta e ocupa máis. A espazos perdido como a a Rambla, o Barri Gòtic ou o Born, ultimamente uníronse a Barceloneta, Sagrada Familia, ou o Parc Güell, cuxa esaxerada explotación levou o seu peche sen atender aos desexos do seu doador.

Realmente vale perder todo isto?”

luns, 28 de abril de 2014

Rehabilitación ou especulación?

Este area será renovada para unha "mellor" clase de xente 

Na zona vella de Vigo temos un proceso exclusivamente de rehabilitación ou un proceso de rehabilitación ligado á especulación i expulsión de cidadáns? Non hai que esquecer que dende o consorcio e dende o concello estanse a aplicar políticas activas de expulsións de cidadáns do barrio sen ofrecerlles unha alternativa real, como é o caso das prostitutas, dos xitanos e dos drogodependentes co peche do programa Sereos, ademais de todas as persoas que por mor da subida dos prezos da vivenda veranse obrigadas a mudarse a outros barrios da cidade. En definitiva, semella que a administración, os poderes económicos e os medios de comunicación pensan en rehabilitación e dinamización exclusivamente en termos económicos con accións orientadas á elitización do barrio, ao turismo de masas e ao consumo dirixido, obviando todo tecido social, ocio non mercantilista ou da participación cidadán na toma de decisións sobre o devir do barrio. Aquí deixamos unhas novas para repensarmos o que se está a facer no barrio:



luns, 7 de abril de 2014

"Malpaís" Fanzine de crítica Lugareña


Nesta nova entrada recomendámosvos a lectura de Malpais #1, o fanzine de crítica lugareña, que pretende ser un arma para repensarmos e defendermos dende os lugares e territorios que habitamos no noso cotiá. Deste xeito, a través do seu contido, fai unha critica ao sistema de desenvolvemento sen límites no que vivimos e que leva consigo á destrución do territorio e a ordenación de políticas territoriais e urbanísticas que unicamente actúan baixo intereses especulativos, afastándonos cada vez máis da toma de decisións horizontais e participativas nos lugares que habitamos. Políticas e decisións duns poucos que soamente aumentan a fenda social e axudan a desnaturalizar a concepción do territorio e da identidade.

En especial, queremos recomendarvos os artigos “La muerte de la calle en la ciudad actual. Tres paseos por el Pau de Vallecas” e “Lavapiés frente a la gentrificación”, nos que se analiza a evolución e perdida de cohesión social nas cidades actuais e os procesos de xentrificación e de loitas de resistencia exemplificados no barrio de Lavapiés. 

Deixámosvos a ligazón ao fanzine aquí:


Contenidos del nº1 de Malpaís (108 páginas, b/n, 4€)
[4] Deseo por igual…
[5] Sermón de presentación 
[8] Rodea el Manifestódromo 
[10] La muerte de la calle en la ciudad actual. Tres paseos por el Pau de Vallecas 
[24] Vivan las mercerías 
[29] Lavapiés frente a la gentrificación 
[44] Okupa tu plaza 
[46] Ordenanza cívica de Granada. La ciudad como cárcel vecinal y decorado exclusivo para el consumo turístico 
[55] Turismo industrial y consumo de lugares exóticos 
[68] Cantos de poder en la Amazonía. Los anen, una relación de wakán a wakán 
[73] Canto para llamar al Ajutap Martín, el molinero de Villamayor de Campos 
[74] La revuelta de las cabañas 
[79] Para construir una cabaña 
[81] Alrededor de una hoguera imaginada. Conversaciones en pueblos okupados de Navarra 
[99] Avisos y Reseñas 
[100] Breves lazos de memoria. Dorita y la manifestación relámpago 
[103] Algunas luchas activas en defensa del territorio en el estado español 
[108] Sopa de alegrías

xoves, 27 de marzo de 2014

Sobre o Centro Galego de Fotografía en Vigo


Os orzamentos municipais deste ano 2014 teñen prevista unha nova partida de 348.000 euros para comezar, no vindeiro mes de marzo[10], coa segunda fase de actuación do Centro Galego de Fotografía. Cómpre lembrar que esta obra está parada por falta de orzamento desde xa hai dous anos, época na que rematou a primeira fase da construción do edificio, financiada cun millón de euros polo Ministerio de Cultura. Esta segunda actuación do centro vai destinada ao acondicionamento e instalación de interiores no edificio (revestimentos, falsos teitos, pavimentos, carpintería, electricidade, fontanería, pintura etc). Por outra banda, non hai data fixa para a súa reapertura e o seu equipamento de contido queda por definir, aínda que o máis seguro é que se instale nel o arquivo Pacheco, Ksado e os fondos das Fotobienais celebradas en Vigo[11] [12].

A decisión de emprazar o Centro Galego de Fotografía na zona vella responde a unha estratexia de márketing urbano, potenciado por parte das institucións e cuxo fin último é dotar de diversas infraestruturas culturais que convertan a zona vella nun referente para o turismo na cidade de Vigo. Deste xeito, asegúranse a chegada de visitantes á cidade e ao barrio co obxectivo de dinamizar a zona economicamente. Isto, á súa vez, fai que a área resulte atractiva á entrada de capital privado nela, debido ao potencial de capital simbólico que supón que unha zona sexa transitada por turistas. Agardemos que non se converta nunha mole cultural de formigón máis, como a Casa das Palabras de Samil ou o Museo do Mar de Vigo.


Ligazóns de referencia:





xoves, 20 de marzo de 2014

Reforma do Mercado do Berbés


Desde o pasado mes de xullo de 2013 está en marcha a remodelación integral do mercado do Berbés. O obxectivo é a dinamización economica deste inmóbel, dado o seu alto potencial turístico por atoparse ao carón do porto de transatlánticos. Esta actuación adxudicouse o ano pasado por 1,7 millóns de euros á empresa Construcciones Ramírez e destináronse, dos orzamentos municipais de 2014, uns 850.000 euros co fin de rematar a segunda fase da obra, a cal comeza no mes de marzo. Dese modo, quedan pendentes 100.000 euros dos 500.000 que se dedicaron no ano 2012. O proxecto conta, ademais, cuns 300.000 euros de reserva, o que fai un total de 1,7 millóns de euros de diñeiro público que irá destinado a fomentar a chegada de investidores privados ao mercado do Berbés.[6][7]

Esta actuación está encamiñada principalmente á remodelación do segundo andar e da cuberta do mercado. No segundo andar preténdese impulsar a chegada de locais de restauración (aínda que nun primeiro momento se quixo destinar a produtos delicatessen). A cuberta do mercado preténdese retirar para instalar nesa área unha cafetería con terraza-miradoiro á ría. Este proxecto desatou a contestación por parte da veciñanza do barrio pois, non só se eleva nun andar máis o mercado (gañando a edificación catro metros máis de altura e pechando máis Vigo ao mar), senón que ademais se están a implantar máis locais de ocio nunha zona acusticamente protexida, precisamente protexida do ruído nocturno dos locais[8]). 

Á súa vez, o primeiro andar destinarase á venda cun total de 35 postos, mentres que o baixo será para a carga e descarga e, posibelmente, aínda que non é definitivo, para a instalación dun supermercado.

En total, o mercado ten 4.850 metros cadrados de superficie repartidos entre o baixo, o primeiro e o segundo andar, mais a cuberta. Isto supón unha boa superficie coa que especular e facer negocio no centro da cidade ao carón do porto de transatlánticos. Non hai que esquecer que o mercado do Berbés se atopa moi preto do actual centro comercial da Laxe, polo que a oferta e demanda deste tipo de ocio e restauración xa están cubertas no barrio. É dicir, non constitúe unha verdadeira demanda da veciñanza da zona vella (agás no caso dos supermercados, xa que o barrio non conta con ningún), senón que a súa remodelación responde a intereses empresariais e especulativos. Desta forma, quérese impulsar un eixe comercial destinado ao turismo en todo o Berbés, que abranguería desde o porto de transatlánticos, pasando polo centro comercial da Laxe e o mercado do Berbés, até a Ribeira do Berbés, coa construción de seis hoteis de pequeno tamaño e con “encanto”[9]. 


Ligazóns de referencia: