luns, 9 de marzo de 2015

Entrega I: Vigo nos albores da emancipación - a zona vella, unha cartografía incompleta - (1870-1936)

Grazas á colaboración entre Lapsus e xentrificación Vigo van saír publicadas  unha serie de entregas ao longo destas semanas sobre a zona vella co obxectivo de recuperar a memoria histórica do que outrora foi o centro social, político e asociativo da cidade de Vigo. Aquí deixamos a primeira entrega preparada xa para descarregar, ler e difundir tantas veces como queirades.

"Dende Lapsus non queriamos deixar pasar a oportunidade que nos ofrecen estas xornadas para aportar o noso gran de area en forma de aproximación histórica a un barrio como a zona vella, outrora centro do asociacionismo político e social da cidade, publicando unha serie de entregas cuxo obxectivo é volver a vista sobre aspectos inéditos da memoria colectiva. Porque recordar implica, necesariamente, tomar partido no combate pola historia."
 
 Vigo nos albores da emancipación 
- a zona vella, unha cartografía incompleta - 
(1870-1936)

sábado, 7 de marzo de 2015

Relatos da xentrificación polo Consorcio Casco Vello: "De Lupanar a Pinacoteca"

Que a misión do Consorcio Casco Vello sexa a de lavar a imaxe do barrio e transformalo socialmente está máis que clara, mais non deixa de ser abraiante e lamentábel que dende unha institución pública se faga uso dos seus medios de difusión para realizar unha apoloxía directa da exclusión social, coa clara intención de dividir a cidadáns de primeira e segunda categoría.

Neste caso referímonos as mulleres traballadoras do sexo da Ferrería, onde dende os xornais de maior tirada da cidade e dende as propias institucións, estase a realizar unha campaña de criminalización, referíndose a este colectivo coma a maior problemática do barrio, sen ofreceren unha alternativa real a estas mulleres ou tan sequera formularse a súa integración no barrio. A única medida que propoñen é a súa expulsión co fin de que o barrio poida "rexenerarse" socialmente dunha vez. Un exemplo podémolo atopar neste parágrafo extraído do blogue do Consorcio Casco Vello:

"la ocupación cultural de las casas de lenocinio, holganza y malvivir, que es lo que la rehabilitación ha conseguido en el barrio viejo vigués desplazando o licenciando a sus respetables señoras prostitutas"

Por que non hai un plan de intervención social coas traballadoras do sexo no barrio? Por que empregar un discurso estigmatizante e excluínte (e con certo ton de sorna)? Seica a intención última é a creación de relatos para a xeración dunha nova identidade (excluínte) do barrio. Do mesmo xeito que se intentou mudar o nome da Ferrería por Barrio Alto, para desligar así toda connotación que conceptualmente se tiña do barrio dentro do imaxinario Vigués, nun intento máis de reformular A Ferrería con fins especulativos, turísticos e comerciais.


Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Aquí tedes a entrada completa no blogue do Consorcio Casco Vello:

martes, 3 de marzo de 2015

Entrevista en praza pública

Moitas grazas ás amigas de Praza Pública pola entrevista e pola difusión das Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo. Gostamos moito do enfoque das preguntas e do proceso que tivemos para a elaboración das respostas. Agardamos que tamén sexa de voso interese.


domingo, 1 de marzo de 2015

Obradoiro de mapeo colectivo

O vindeiro 14 de marzo, dentro das  xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, vaise desenvolver no Centro Social a Revolta do Berbés un obradoiro de mapeo colectivo. Para introducirmos un pouco mais nestas dinámicas de cartografía crítica e colectiva, deixamos as seguintes anotacións sobre os mapeos colectivos e a dinámica que vaise levar a cabo neste mapeo social da zona vella de Vigo.

Agardamos a túa participación!!



Que son os mapeos colectivos?

Os mapeos colectivos son unha ferramenta que permiten, dende unha posta en común e participativa, identificar diversas problemáticas (sociais, ambientais, etc) que actúan sobre os territorios, cidades ou barrios. Facilita así a participación e a creación de un ideario de resistencia, froito dun proceso de reflexión e crítica colectiva. 


Que finalidade teñen?

Este proceso de reflexión colectiva tradúcese nun formato visual, o mapa, que estabelece unha cartografía social que axuda a difusión e o entendemento das problemáticas que afectan sobre o territorio, así como validar as voces críticas e de resistencia destas mesmas. Ademáis os mapeos son prácticas que favorecen os intercambios de saberes e a aprendizaxe mutua entre todas as participantes, grazas a que estes pretenden ser un espazo para a socialización e o debate, deixando unha porta aberta a futuras propostas, colaboracións e iniciativas. Polo tanto os mapeos colectivos non son un fin en si mesmos, senón que son unha ferramenta máis que propicia o diálogo, a reflexión e participación colectiva.

Que se vai facer no obradoiro do día 14?

O obradoiro de mapeo colectivo do día 14 de marzo está pensado para reflexionarmos, desde o colectivo, sobre as problemáticas sociais e especulativas  presentes na zona vella da cidade de Vigo. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os últimos anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico da cidade. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.


Como se vai levar a cabo o mapeo?

Para levar a cabo o mapeo entre todas as participantes, dividirémonos en diferentes grupos temáticos onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa da zona vella e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferrament, para identificar e entender  de xeito visual, de o porqué estamos a falar sobre procesos de xentrificación e especulación en Vigo.


Fai falla incrición previa?

Aínda que non fai falla unha inscrición previa ao obradoiro de mapeo colectivo que imos desenvolver, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro, nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com ou ao facebook de Xentrificación Vigo co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


Por último, se queredes afondar máis sobre os mapeos colectivos, recomendamos a visita a páxina das amigas de Iconoclasista, así como a lectura do seu interesantísimo manual de mapeos colectivos.

Agardámoste o sábado 14 de marzo, ás 17:00h, no Centro Social a Revolta do Berbés na rúa Real nº12 (zona vella), Vigo-Gz.

domingo, 22 de febreiro de 2015

Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo

Os vindeiros días 6, 7, 13 e 14 de marzo temos o pracer de convidar a toda a veciñanza de Vigo ás primeiras xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, que se van desenvolver no C.S. A Revolta do Berbês grazas á colaboración dos colectivos Xentrificación Vigo, GAS, LAPSUS e a ODS-Coia. Estas xornadas están pensadas como un punto de encontro e de posta en común para repensarmos, desde o colectivo e dun xeito crítico, os procesos de transformación social e urbana que están acontecendo no centro histórico da nosa cidade. Procesos que están a provocar a expulsión e marxinalización de colectivos sociais presentes no barrio durante anos, asi como a suba dos prezos das vivendas e dos alugamentos, ademais da comercialización e turistificación da maior parte do barrio.


Agardámosvos nas datas sinaladas no C.S. A Revolta do Berbés, en rúa Real nº 12 (zona vella), Vigo-Gz.

Programación

Venres 6 de marzo. 20:00h.

- Presentación das xornadas e do fanzine "Xentrificación. Transformación e exclusión social na zona vella de Vigo".
- Proxección: "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" 


Sábado 7 de marzo. 19:30h.

Mesa redonda:
  - Transformación urbana e conflitividade social na cidade capitalista
        Con Juan Medela, Grupo de Estudos Antropolóxicos "La Corrala"
  - Especulación e exclusión social na zona vella de Vigo
        Con Xentrificación Vigo.


Venres 13 de marzo. 20:00h.

- Proxección + debate: "Bye bye Barcelona"


Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo (cartografía social do barrio)
19:00h. Roteiro pola zona vella.

     ++ mais petiscos veganos e exposición fotográfica permanente++

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Venres 6 de marzo. 20:00h.

Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries. 65:01min. Panóptica / LaCol (Països Catalans)

A través do documentario "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" inténtase facer unha reflexión crítica á cidade contemporánea a través dos procesos de transformación acontecidos en Can Batlló, así como da evolución do Modelo Barcelona. Can Batlló é un recinto pendente de transformación, obxecto de reivindicación e loita veciñal dende fai moitos anos, atopándose agora nun proceso de apropiación por parte da cidadanía. A través deste proceso de recuperación, o documental pregúntase sobre cales son as regras do xogo, os actores, os intereses e estratexias que ditaron as transformacións urbanas na Barcelona dos últimos trinta anos e que levaron á situación actual: ao Can Batlló da  propiedade privada fronte ao Can Batlló da xente. Partindo desta base, o documentario reflexiona sobre o futuro e sobre as outras Barcelonas posíbeis, sobre todo nesas cidades que aínda nos quedan por imaxinar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 7 de Marzo 19:00h.

Nesta xornada Juan Medela, do Grupo de Estudos Antropolóxico "La Corrala", vainos introducir nas dinámicas actuais de construción da cidade capitalista. Para isto abordará os conceptos de cidade capitalista, de marketing urbano e de marca cidade, cuxas políticas de aplicación dan lugar á transformación do espazo urbano e por conseguinte a procesos de xentrificación, de exclusión, de privatización e de control social. Deste xeito, abordará os diferentes mecanismos de renovación e transformación urbana e social aplicados polas institucións cuxo fin último e potenciar e comercializar unha marca de cidade convertendo os espazos urbanos nun produto de consumo máis.

A continuación, Xentrificación Vigo vai abordar os procesos de especulación e exclusión social que se observan na zona vella da cidade. Dun xeito resumido intentarase identificar os actores, os procesos e os intereses que se atopan detrás dos procesos de transformación que levan tendo lugar nestes últimos anos no centro histórico de Vigo.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------- 

Venres 13 de marzo. 20:00h.  

"Bye Bye Barcelona" (54.40 min). de Eduardo Chibas (Països Catalans) 

“Bye Bye Barcelona" é un documental acerca da cidade e a súa relación co turismo, acerca da difícil convivencia entre Barcelona, xs barceloneses e o turismo e xs turistas. É un documental que expón, da man dalgúns dos seus moradores, os graves efectos que o turismo masivo ten na cidade condal. Barcelona non é unha gran metrópole, pero pode presumir de ser a cuarta cidade con maior turismo na Europa tras tres grandes capitais como Londres, París e Roma, sendo o seu porto o que máis cruceiros recibe de Europa e do Mediterráneo. Os Barceloneses viron como, en escasamente unha década, a cantidade de turistas triplicouse e ao economía xirou ate o servizo turístico, explotando, e destruíndo á vez, un patrimonio construído por xeracións anteriores. Realmente paga a pena perder todo isto?”

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo.

Este obradoiro está pensado para reflexionarmos desde o colectivo as problemáticas sociais e especulativos  presentes na zona vella da cidade. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os último anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico de Vigo. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.

Para isto dividirémonos en diferentes grupos temáticos, onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa  e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferramenta para identificar e entender  de xeito visual de porqué falar sobre procesos de xentrificación en Vigo.

Na páxina web de Iconoclasista podedes atopar o interesante manual de mapeo colectivo para afondar máis no tema. Animádevos a vir!!

Aínda que non fai falla inscrición previa, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


19:00h. Roteiro pola zona vella

A partires da cartografía obtida no obradoiro, realizarase un roteiro explicativo polo barrio para toda persoa que quixera vir. A andaina estará guiada entre os diferentes colectivos participantes nas xornadas e os diferentes grupos de traballo do obradoiro-mapeo que se queiran animar.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------
E ademais en cada xornada haberá petiscos veganos con prezo solidario para a autofinanciación das xornadas, ademais dunha exposición fotográfica permanente de denuncia social contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo.

martes, 17 de febreiro de 2015

Compilación de novas especulativas

A continuación deixamos unhas novas destes días sobre tres procesos de transformación e especualación que están tendo lugar na cidade: Barrio do Cura, fachada de Elduayen e o proxecto de Vigo vertical:

 - "La promotora del Barrio do Cura logra otro mes de margen de los bancos para salvar la urbanización": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/promotora-barrio-do-cura-logra/1185203.html

 - "Desmontan las fachadas de Elduayen para reformar los locales comerciales": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/desmontan-fachadas-elduayen-reformar-locales/1185201.html 

- "El ascensor urbano que unirá Pi y Margall con Camelias estará concluido en junio": http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/02/16/ascensor-urbano-unira-pi-margall/1185205.html

Especial "A Fondo" sobre xentrificación

A finais de semana sairá un o A Fondo das compas de Sermos Galiza sobre ‪‎xentrificación‬ onde Xentrificación Vigo colabora con dous artigos. Aquí deixamos a ligazón á interesante entrevista previa deste especial dispoñíbel dende hoxe na web. Moitas grazas ao xornal e aos coordinadores por todo o traballo feito.

"A xentrificación non é máis que outra das expresións agresivas do capitalismo. Calquera cousa é convertida en mercadoría, e os barrios, as vilas, as cidades, non son menos. A paisaxe urbana é secuestrada, e pasa a ser unha mercadoría máis dentro das lóxicas mercantís. A veciñanza dilúese e xorde o consumidor e o turista"

Ligazón á entrevista aquí==> http://www.sermosgaliza.gal/articulo/comunidade-sermos/no-decorado-atraer-cartos-colectivos-desfavorecidos-afean-foto/20150213195642034951.html